A Xunta inicia un plan de protección do patrimonio dos núcleos rurais mediante a súa catalogación

A Xunta está a traballar nun estudo sobre a tipoloxía de núcleos rurais co obxectivo de planificar o seu desenvolvemento e preservar o patrimonio galego, en resposta ás determinacións que recollen as Directrices de Ordenación do Territorio, en vigor desde principios de ano.

A Consellería de Medio Ambiente explica que este informe, que se terminará a finais de ano e titúlase Estudo dos núcleos rurais en Galicia. Identificación, tipoloxía, caracterización e análise en clave de sustentabilidade e integración paisaxística, satisfai unha "necesidade urxente aínda non abordada" e incluirá un catálogo de boas prácticas para cada tipo de asentamento.

Nun comunicado, o departamento autonómico argumenta que as diferentes formas de agrupación poboacional do rural galego son "moi dispares" debido, entre outros motivos, á diversidade xeográfica, e por iso é "moi diferente unha aldea concentrada nas áreas montañosas que as realidades ocupacionais máis recentes no tempo nas periferias urbanas".

Deste xeito, o informe permitirá dispor dunha obra de referencia para axudar á comprensión da complexidade da realidade territorial galega e apoiar aos equipos redactores dos plans e Estudos de Integración Paisaxística, así como á Administración.

"Existe un gran número de situacións na realidade galega que requiren dun esforzo de análise e clasificación para orientar as estratexias de ordenación do territorio e a integración paisaxística", alega a Xunta, que tamén iniciará un estudo sobre os polígonos industriais para a súa correcta implantación espacial.

Comentarios