A historiadora británica Mary Beard, Premio Princesa de Ciencias Sociais

Foi considerada en 2014 como unha das pensadoras máis influentes do mundo pola revista Prospect Magazine

A historiadora británica Mary Beard, catedrática de Clásicas no Newhham College da Universidade de Cambridge, foi galardoada este mércores co Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais 2016. Beard, autora de libros como Pompeya, historia y leyenda de una ciudad e responsable de varias series para a BBC sobre o mundo clásico, foi considerada en 2014 pola revista Prospect Magazine como unha das pensadoras máis influentes do mundo.

Winifred Mary Beard (Much Wenlock, 1 de xaneiro de 1955), cuxa candidatura foi proposta polo Grupo de Investigación Deméter da Universidade de Oviedo, está considerada unha das especialistas sobre a Antigüidade máis relevantes e unha das intelectuais británicas máis influentes. O xurado concedeu o galardón a Mary Beard "pola súa sobresaínte contribución ao estudo da cultura, da política e da sociedade da antigüidade grecolatina".

Tras licenciarse en Artes no Newnham College de Cambridge, doctorouse en 1982 cunha tese sobre Cicerón e, ao comprobar que moitos dos seus compañeiros de universidade cuestionaban o potencial académico das mulleres, Beard adoptou un punto de vista feminista. Esta actitude resultoulle moi importante na súa vida dado que asegura non poder comprender "o que sería ser unha muller sen ser unha feminista". Tras impartir docencia no King's College de Londres entre 1979 e 1983, regresou en 1984 a Cambridge, onde obtivo a cátedra de Clásicas en 2004.

Como profesora invitada na Universidade de Berkeley en 2008, é autora de obras de referencia como El triunfo romano (2008). Escribiu e presentou series documentais para televisión como Pompeii: Life and Death in a Roman Town (2010), Meet the Romans with Mary Beard (2012) e Pompeii: New Secrets Revealed with Mary Beard (2016) e colabora ademais regularmente en radio.

Membro da Sociedade de Anticuarios desde 2005, da British Academy desde 2010 e da Academia Americana das Artes e as Ciencias desde 2011, en 2013 recibiu a Orde do Imperio Británico e na actualidade é catedrática de Literatura Antiga da Real Academia das Artes. En 2008 recibiu o Wolfson History Prize no Reino Unido pola súa obra Pompeya e en 2013 o Premio da Classical Association pola súa contribución fundamental ao coñecemento público das Clásicas e está en posesión ademais da Medalla Bodley (2016).

Comentarios