As ilustracións do mundo na galería Sargadelos

A mostra Blue Book Group congrega obras de 96 ilustradores de 27 nacionalidades na Galería Sargadelos, en Santiago de Compostela, ata o próximo 8 de outubro.

A exposición está organizada polo Concello de Santiago de Compostela e a editorial Kalandraka e inclúese dentro das actividades programadas no 32º Congreso Internacional da IBBY, siglas en inglés da Xunta Internacional de Literatura Xuvenil (International Board on Books for Young People).

Artistas afincados en Galicia como Óscar Villán, David Pintor e Marc Taeger, que ilustraron varios albumes publicados no catálogo de Kalandraka, son algúns dos creadores seleccionados para participar.

A estes súmanse ilustradores do resto de España, con vínculos coa editora, como Aitana Carrasco e Adriá Fruitós, que ilustraron A viaxe do bisavó e Meigo Goma, respectivamente. A lista complétase con Pablo Amargo, Anna Castagnoli, José María Lema de Pablo e Josep Antoni Tàssies.

Do panorama internacional, cabe salientar as obras do portugués Gémeo Luís, que colaborou con Kalandraka en O tempo voa. Xapón conta co maior número de representantes con 19 artistas plásticos, seguido de Italia e Francia.

Riqueza cultural
Con todo, a cita conta con achegas de diferentes culturas e pobos do globo, desde ilustradores de Irán, Bulgaria, Suecia, Rusia, Tunisia ou Turquía, entre outros moitos, que enriquecen a exposición coa súa variedade de estilos e bagaxe cultural.

O Blue Book Group é unha iniciativa independente dos irmáns iranianos Hassan e Ali Amekan, que agruparon o traballo de ilustradores de distintos países do mundo, seleccionados pola súa especialización neste xénero. Tras o éxito da primeira exposición celebrada en 2007, a mostra pasou por Teherán, Dubai e Tokio.

Comentarios