Kimuru cambia de pel con vistas ao futuro

O músico lucense volve dar un xiro nunha carreira que empezou na mili hai trinta anos e que semella que non terá acougo. O músico anuncia a disolución da súa última banda, kimuru, á que dará continuidade unha vez que decida por que camiño bota a andar
photo_camera Quique Muruais posa na súa casa uns días atrás. VICTORIA RODRÍGUEZ

Quique Muruais vive en Lugo, nun piso ordenado por tonalidades: os marróns discretos das portas o chan, os vermellos feroces das alfombras, os ocres e azuis dos cadros. Nun curruncho, a desmán da orde concreta do resto da casa, hai unha mesa ampla ocupada polo caos. É un caos belo e cunha sonoridade bonita, con discos que lembran o paso de Chet Baker por París, cancións de amor de Curtis Manfield e a letra de Your song, que está intentado sacar coa guitarra. "Non son moito de Elton John, pero gústame esa canción", apunta o músico nacido na Pontenova en 1962.

Por baixo dese rebumbio de discos compactos, atópase un taboeiro de plástico e unha regra para debuxar. Muruais xa non pinta na casa, ten un obradoiro unhas rúas alá. Unha harmónica con soporte de aceiro para colgar do pescozo caeu sobre o montón tras algún concerto. Poida que fose depois do último, en novembro de 2018, no Vello Cárcere de Lugo. O músico preferiu non restituíla ao seu sitio porque a desorde lle fomenta a creatividade.

Nese salón que se enche da luz de Catasol cada tardiña, imponse un cadro de grandes dimensións pintado por Quique Bordell. Chámase Kimuru e ten por lema Todas las naves espaciales son de plástico, que se corresponde co título do primeiro disco da banda que fundou no 2005 xunto a César López (baixo) e Carlos Díaz (guitarra). Pope senta na batería dende 2010.

O grupo vai morrer 14 anos máis tarde, concretamente hoxe na derradeira actuación, que comezará ás 23.30 horas no Clavicémbalo de Lugo. Quique retraese para explicar os motivos porque teme soar a camuflaxe. "Non hai problemas entre nós, pero precisamos unha parada técnica. Queremos facer unha despedida ao grande".

A traxectoria contada en álbums empezou en 2005 con Todas las naves espaciales son de plástico e rematou en 2008 con Piedras y confettis. A triloxía había de ser completada por outro álbum, pero nunca chegou a ser publicado. "Temos doce cancións gravadas no estudo de Arturo Vaquero que non quixemos editar. Deixamos ir ese disco. Non me apetecía facer unha refundación de Kimuru. Agora estou máis centrado na pintura". Xa avisara: durante as sesións no estudo de Abrigueiro, en Friol, estivo rodeado de cadros seus repartidos por todo o local.

A música entrou cedo e cerca en Quique Muruais. "A miña nai, Blanca Muruais cantaba pezas da tradición galega, como A rianxeira. Eu facíalle segundas voces. O seu pai tocaba a gaita". Tiña 13 anos cando chegou o pop á Pontenova. "Naquel verán coñecín os Beatles a través de Juan, que era asturiano. Dende entón soamente pensaba en ir a Lugo para comprar discos en Radio Meilán. Comprei o 'Let it be' dos Beatles, por exemplo". Non tardou en deixar de ir a Lugo porque se trasladou á cidade para cursar o bacherelato.

O servizo militar foi un paso importante na súa carreira musical. Palma de Mallorca non era unha praza de esixencia estratéxica polo que o soldado Fernández Muruais puido dedicar horas de inercia no cuartel a aprender a tocar a guitarra. Forma un grupo para tocar dúas veces por semana "para guiris" nun pub. O repertorio non lle disgusta: Beatles, Rolling Stones, Bowie, Dylan,...

Licenciase marcialmente e volve a Lugo. Participa en V. 0. (Versión Original), con influencia do pop do momento, de "La Mode o Golpes Bajos". Escribe as letras. Actúan nas cidades galegas e conságranse dobremente en Luar.

Os seus compañeiros crean Los Contentos. "Eu tiña ganas de facer música con máis liberdade", polo que reúne a Los Osos Montañosos. Volve de xira polo país. O actor Luis Tosar e o director Jorge Coira son seareiros. Ás veces os acompañan. Tosar fai de presentador da banda na sala Los Faraones de Ourense. Bob Dylan e David Bvowie continúan no repertorio, aparece o garaxe de Stooges, pero tamén o soul de Marvin Gaye.

O repertorio se beneficia doutra apertura de miras. As influencias son Kiko Veneno e a música latina cando o músico pasa a tocar en Fantomas. Volve compoñer, aínda que non renuncia ás pezas alleas que lle gustan. Pasa a Los Comestibles para soar como Divine Comedy ou The Pulp.

No 2005 viste calzóns longos para soportar o frío de Abrigueiro, no que aínda era o embrión de estudo. Tras Todas las naves espaciales son de plástico, virían Piedras y confetis e o terceiro álbum, gravado e gardado.

Kimuru desaparece hoxe, pero a mesa non quedará abandonada. "Sobre todo estou escribindo. Compoño con papel e boli. Concibo as cancións como poemas". Son "máis escépticas, como se o século fose empezar en 2020".

Comentarios