Juan Tallón: "Na novela escribo dun museo do urogallo en Lugo como corrupción"

A tese de Tallón define España como un imperio de engano e desfalco durante os primeiros anos do milenio. Ese imperio foi rexido por unha minoría de políticos, periodistas, banqueiros e empresarios. A crónica é Salvaje Oeste, a novela da que Espasa vén de tirar a terceira edición

Juan Tallón. EP
photo_camera Juan Tallón. EP

O escritor ourensán Juan Tallón (Vilardevós, 1975) leva anos preparando unha novela de ambición longa, pero "complicouse por un proceso xudicial". "Tiven que aparcala ata que se resolva, e, para facer dedos, escribín Salvaje Oeste». A obra, editada por Espasa, ten 619 páxinas. "Facer dedos", chámalle o autor.

Salvaje Oeste ten 619 páxinas. Debe de ter os dedos ben musculados despois deste quecemento.

Tardei dous anos e medio en escribila, así que si.

Hai moitas novelas dentro desta novela, podería facer un spin off con cada personaxe. Por que optou por esa narración plural?

Podería escoller por facer algo individual ou unha saga, pero quixen narrar un ciclo nun país. Falo dos que exerceron o poder —que son un coto pechado—, dos que observaron —que foron cómplices— e dos que sufriron.

A trama corresponde cos anos do Gran Salto da economía española, pero non marca datas.

Son catorce anos de tempo narrativo, pero non puxen referencias temporais porque poderían provocarme incongruencias. Son os anos de esplendor económico, que cadra coa chegada ao poder dunha xeración de políticos sen complexos que quere o éxito.

Conta vostede "a historia dun imperio", con inicio, asentamento e declive.

Eles fundan unha saudable hexemonía sobre a que pensan que non terá final, pero, como todo gran poder, ten un declive ante un poder en auxe.

Describe un cambio de elites.

É unha novela sobre o poder, sobre como se conquista, se mantén e se perde. É unha novela de elites, dunha nova elite. Esa nova elite é ambiciosa e devoradora. Non se conformou con ter o poder político, quixo ter o poder económico; non lle era abondo o poder económico porque convertiu a política nun negocio. Salvaje Oeste é unha historia de como se exerce o poder no ámbito privado da elite; fala da irrupción dunhas persoas no eido do poder, de como levantaron o teito e accederon ao máis privado do poder; conta como actúan na intimidade sen interpretar o seu papel ante a cidadanía. Tamén fotografa esa cidadanía, que ten a palabra ao votar.

A cidadanía parecía asistir como espectadora a unha festa do Gran Gatsby.

Este é un país simpático que pensa que os corruptos se esgotan nos membros dos gobernos corruptos e non inclúen os millóns de votantes que os levaron arriba e os mantiveron. Todos somos responsables desa corrupción.

Entende que a consentimos, pero, ao tempo, na novela establece unha desconexión entre as elites e a cidadanía.

As elites están separadas de nós, pero intentan facerse pasar por personas coma nós. Pretenden que creamos que xente coma nós dirixe a cidadanía. Un exemplo é o lema electoral de Fraga en 1989: Galego coma ti. No momento concreto en que din que son coma nós, conectan con nós. A mensaxe é: Somos elites, pero a tempo parcial.

Semella máis ben somos coma vós, pero a tempo parcial.

Si, pode ser. Baixan uns banzos na escaleira e mestúranse connosco.

Os cidadáns respectamos as lindes dese coto pechado do que me falaba antes. Influíu esa visión do poder no deseño dos personaxes?

Foi unha decisión narrativa consciente usar cinco ou seis personaxes con relación entre si. Pertencen a elites que se comportan e falan de modo parecido, pero cada un é diferente. Cada personaxe móvese no seu ámbito, pero no seu ámbito todos constitúen algo inseparable, o gran poder dun país. Tras moitos anos falando de división de poderes o que hai é unha suma de poderes que actúan de modo conxunto co obxectivo de ser ricos. Cada vez que un poder se prolonga no tempo, comete arbitrariedades. A novela é o retrato dese poder que se volve corrupto e que ten un final.

Ao cabo do libro, a alcaldesa Hilda García Frost é quen triunfa porque sabe moderar a súa ambición e medir os pasos que dá.

A alcaldesa é a que ten máis intelixencia política. É unha muller de ambición insatisfeita sempre, pero dáse de conta de que o ciclo vai ter un ocaso. Antes de que se produza vaise afastando para non ser arrastrada. Acaba formando parte do novo ciclo de poder.

A grande obsesión da rexedora é lograr un doutorado honoris causa. Despois de que vostede entregase a novela coñeceuse a obsesión de Cristina Cifuentes, a presidenta de Madrid, por conseguir un máster.

A realidade acaba imitando as invencións. Todo o que contamos xa o escribiron Platón ou Ovidio. Os personaxes de Salvaje Oeste necesitan o aplauso e a aprobación do outro.

A obra transpira un traballo extenso de documentación.

Houbo documentación, pero para comprender os ciclos e dinámicas da corrupción. Con esa documentación faise unha bóla de papel, pero serve para encher a vida dos protagonistas. O lector pode ter a tentación de buscar o correlato na realidade, de que A é B ou C ou D, pero non. Tras un personaxe non hai unha persoa, hai unha chea de persoas.

Eu non lle preguntei se Salvaje Oeste era un roman à clef, unha novela en clave. Non lle preguntei se os personaxes respondían a modelos reais. Pero comprobo que é unha cuestión que lle preocupa.

É unha pregunta que me fixeron tantas veces que xa a contesto sen que ma fagan. A novela é o territorio no que o autor exerce a súa ditadura. A liberdade artística permíteme usar características de persoas reais.

Unha parte da prensa que se move no Salvaje Oeste reacciona contra a acumulación de poder en poucas mans, pero outra acomódase no poder e disfrútao.

Houbo moitos xornalistas que se esforzaron por contar o que estaba pasando. Ao tempo, houbo moitos editores e directores de medios que se dedicaron a compadrear co poder. Os medios de comunicación foron postos ao seu servizo. Quitaron un goberno e puxeron outro.

Vostede declárase influído por Dovstoieski. Nesta novela vexo máis a Tolstoi no sentido de que no afonda tanto no retrato particular como en ofrecer unha visión de campo dun tempo e dunha sociedade.

Nesta obra busco que os personaxes non sexan os protagonistas, senón que sexa a época na que se desenvolven eles. Usan a política para facer negocios e facer negocios é algo divertido. A novela fala do poder como xeito de vida. Fala de que as grandes decisións para un país son tomadas coa punta dun dedo. Encarnan ese poder, ata o de agora, non tiveran que pagar un prezo. Cando se fala de poder parece que se fala dun pantasma que está por riba de todo.

Como símbolo da corrupción inventa un Museo do Urogallo que sitúa en Lugo.

Si, pero existe, non?

Non teño noticia.

Comentarios