John Jagger e Javier Vargas gravan as baterías do seu disco en Pontevedra

O sobriño de Mick Jagger e o guitarrista madrileño elixen os estudios Litium Records, con Rafa Darrosa como enxeñeiro de son, para que o músico Davido Barona

 

PONTEVEDRA. Javier Vargas volveu aos estudios Litium de Pontevedra esta semana. O guitarrista madrileño (Vargas Blues Band) estivo na cidade para supervisar a gravación das baterías do que será o novo disco de John Jagger, sobriño de Mick Jagger, o líder de The Rolling Stones, quen precisamente tamén realizará unha colaboración no álbum.

É a segunda vez que Vargas traballa en Litium, un espazo que coñeceu grazas a unha colaboración que realizou para un dos últimos traballos do grupo de rock de Vigo Los Motores. Precisamente Carlos del Río, guitarrista desta banda, acompañou estes días aos músicos na gravación das baterías en Pontevedra.

Vargas xa manifestara naquel momento que lle gustaba o estudio pontevedrés e a acústica que recollía. Foi por esa experiencia que decidiu volver nesta ocasión para este traballo que está realizando xunto a John Jagger.

«Gravamos as baterías dos doce temas que compoñerán o disco en dous días, en sesións intensivas», explica o enxeñeiro de son pontevedrés Rafa Darrosa, que se encargou do traballo.

O batería asturiano David Barona ("endorser" da marca Sonor), que vive a medio camiño entre Madrid e Ibiza, foi o encargado de tocar o instrumento. O músico, ademais de coa Vargas Blues Band, ten traballado, entre outros, con Macaco e Miles Winter Roberts.

John Jagger é o fillo do irmán máis novo de Mick Jagger, Chris, tamén músico. Viviu unha xuventude problemática, que o levou a aparecer nos medios británicos en varias ocasións polos seus problemas coas drogas. Centrado hoxe no mundo da música, estableceu un importante vínculo con Javier Vargas, ao que, por exemplo, acompañará o mes que vén (día 16) nun concerto na sala Jimmy Jazz de Vitoria.

Rafa Darrosa, Sara Castro e Toño Carbajo son os socios dos estudios Litium de Pontevedra, un espazo no que ensaian a cotío preto de 30 grupos da contorna. Alí naceron, entre outros, proxectos como o dos Furious Monkey House e alí se gravaron máis de 20 discos e máis dun cento de maquetas dende 2001. Por alí pasaron, por exemplo, dende Miguel Costas a Óscar Ibáñez, ademais de boa parte dos grupos locais, de Malkeda a Delahoja. Actualmente é o único centro examinador da Rockschool de Londres en Pontevedra.

Comentarios