Joaquín Sabina retomará a súa xira en San Sebastián o 2 de xuño

O concerto que se suspendeu por enfermidade durante o mes de abril celebrarase finalmente o día 21 de xuño

Joaquín Sabina. EFE
photo_camera Joaquín Sabina. EFE

A promotora responsable da xira de Joaquín Sabina anunciou que o artista retomará a súa xira en San Sebastián o próximo 2 de xuño, tras a forzosa interrupción á que lle levou unha tromboflebitis na vea iliofemoral da perna esquerda.

O comunicado de Get In indica que, tras a súa saída do hospital o pasado sábado, o de Úbeda debe gardar repouso durante unhas semanas antes de retomar os últimos sete concertos desta xira, entre eles os aprazados pola súa situación médica.

O concerto na Coruña terá lugar o 21 de xuño

O cantante, que tivo que suspender o concerto que tiña previsto na Coruña o pasado 21 de abril, celebrará finalmente o 21 de xuño este evento. Tamén foron recolocadas as citas de Córdoba (que se celebrará o 30 de xuño), Albacete (7 de xullo) e Granada, cuxa praza de touros acollerá o fin de xira o 14 de xullo.

As entradas adquiridas para estes tres concertos son válidas para as novas datas, segundo informou a promotora, que abre un período de devolución de 15 días hábiles a partir do próximo luns para aqueles que non poidan asistir ás novas datas a través da canle de venda onde foron adquiridas.

Non sofren cambios sobre o previsto inicialmente os concertos de San Sebastián (2 de xuño), Salamanca (7 de xuño) e Madrid (16 de xuño), que recibirá a Sabina tras colgar o cartel de entradas "esgotadas" no WiZink Center por quinta vez nun ano.

A xira Lo Niego Todo, que se estreou en México en maio de 2017, percorreu Europa e Latinoamérica congregando a máis de 350.000 espectadores, mentres que o disco que lle deu orixe converteuse no segundo máis vendido do pasado ano en España, con máis de 100.000 copias e lixeiramente por detrás de Prometo de Pablo Alborán. 

Comentarios