Javier Gutiérrez: ''Sería unha pena que TVE deixase de emitir 'Águila roja''

Javier Gutiérrez (Foto: EPL)
photo_camera Javier Gutiérrez (Foto: EPL)

Aínda que nado en Asturias (Luanco,1971), Javier Gutiérrez séntese e declárase ferrolán. De feito, o seu equipo é o Racing de Ferrol e sempre que pode cumpre cunha tradición familiar: “comer fóra e despois ir á Malata a ver o equipo dos meus amores”. Entre partido e partido, interpreta a Saturnino García, Satur, o entrañable escudeiro de Águila Roja, todo un fenómeno en La 1.

¿Sabe se se van emitir novos capítulos?
Hai gravada unha tempada máis e, por suposto, o meu personaxe terá continuidade. O que non sei é onde se emitirá. Águila Roja está en mans da decisión que adopte RTVE, pero sería unha pena que por razóns políticas –que non económicas– deixase de emitirse na cadea pública. Non esquezamos que esta serie, en termos de rendibilidade e prestixio, é do máis interesante que pode haber na televisión do noso país.

¿Que significou para vostede o personaxe de Satur?
Satur é un enorme agasallo, un deses personaxes que se cruzan na vida dun actor e que marcan a súa carreira. ¡Oxalá me ofrecesen máis desta envergadura no futuro!

Está claro que a serie non sería a mesma sen Satur. ¿Que ocorre cando un actor cun importantísimo papel secundario coma este nubra un pouco o protagonista?
Non trato de nubrar a ninguén, só trato de sumar co meu traballo. Águila Roja é o que é grazas ao esforzo de moitos profesionais, desde o director ao último dos figurantes.

A súa carreira está marcada polos papeis secundarios con peso. Hai quen o compara con José Luis López Vázquez...
¡Arroxo só de pensalo!. É todo un eloxio. O noso país é unha fonte inesgotable de grandes cómicos, e a xeración de López Vázquez especialmente. Recoller o testemuño de actores do seu talle ou Alfredo Landa, Fernán-Gómez, José María Rodero, Antonio Ferrandis e un longuísimo etcétera é unha tarefa titánica. Aínda así, encántame que atopen certo parecido no meu traballo co destes mestres aos que venero.

Desde logo, as súas aparicións en televisión estiveron tocadas pola fortuna, desde o seu primeiro papel fixo –en Los Serrano– ata o último en Águila Roja.
Son un gran defensor da televisión que se fai no noso país. Por suposto, non de toda, pero si da da cadea pública. Espero que o novo Goberno coide a nosa televisión. Grazas á ficción televisiva contamos cunha gran canteira de directores, actores e guionistas. Gústame facer televisión e non teño empacho en recoñecer que lle debo moito a este medio.

¿Cre que os actores nacen ou se fan?
No meu caso, fíxenme actor aos poucos, case sen darme de conta. Sempre utilicei o teatro, xa desde pequeno, dunha forma terapeútica. De feito, grazas á interpretación fun vencendo a miña timidez. Eu diría que hai actores cun talento natural, aos que envexo, e outros que temos que traballar o dobre para conseguir o mesmo resultado. Así que hai actores que nacen e outros que se fan.

¿Influíronlle as súas orixes no seu traballo? ¿A alma deles emana da ría de Ferrol?
Pode ser, aínda que de ser así sería dunha forma inconsciente. Pero si hai algo que ten que
ver coas miñas raíces á hora de enfrontarme ao traballo: a sinxeleza e a honestidade.

''Apenas coincido con Francis e Miriam nas rodaxes. E agora vou traballar con Tosar"

¿Foise a Madrid porque non puido ser profeta na súa terra?
Madrid é unha cidade marabillosa na que nunca te sentes forasteiro, onde se atopan máis oportunidades e, no seu día para os actores, unha cidade na que un podía cumprir
os seus soños. A miña relación con esta cidade vai mais alá do profesional.

Antes de marchar fixo un pequeno papel en Mareas vivas. ¿Saíronlle outras noivas desde entón?
Gustaríame traballar en Galicia, pero desde entón non puido ser. Aínda que me estreei o ano pasado como produtor teatral en Ferrol con Contraacciones, de Mike Bartlett, unha obra sobre a intromisión das grandes empresas na privacidade dos seus traballadores.

Por certo, que nos círculos madrileños fálase xa do clan dos galegos: Míriam Gallego, Francis Lorenzo e vostede, protagonistas de Águila Roja, ¿como o levan?
Fenomenal, aínda que, por desgraza, apenas coincido con eles na rodaxe. En Galicia hai unha boísima canteira de actores.

¿Pódese desvelar que proxectos ten en carteira?
Teño varios proxectos, como facer senllas películas con Álex de la Iglesia e Daniel Monzón. Por certo, que nesta última serei compañeiro de repartición de Luis Tosar. E en canto ao teatro, estrearei en setembro, en Madrid, a comedia de humor negro El traje, de Juan Cavestany. É un proxecto moi especial para min, xa que tamén o vou producir.

Comentarios