Javi Maneiro: "Na Uci tiven unha visión: vinme morto, na caixa"

Javi Maneiro presenta este domingo 18 de febreiro ás 19.00 horas na sala Jagger de Lugo Un bonito despertar, un álbum cheo de forza, a mesma que motivou a súa recuperación tras un accidente cerebrovascular hai dous anos
Javi Maneiro. MARÍA SIMÓN
photo_camera Javi Maneiro. MARÍA SIMÓN

Javi Maneiro (A Pobra do Caramiñal, 1973) é moito máis que o cantante de Heredeiros. Segue coas mesmas gafas e coa guitarra na man pero é un artista renovado. Os seus "50 tacos" e a segunda oportunidade que lle deu a vida tras sufrir un accidente cerebrovascular fixeron que pasara de ser Javi Maneiro a só Maneiro, un músico con moito que dicir.

Está de xira co seu cuarto disco en solitario. Di: "Todo muda, todo cambia e nós cambiamos". Cambiou o seu xeito de ver a vida o susto que lle deu a saúde no 2022?
Totalmente. Cando, de súpeto, te atopas dentro dunha ambulancia, te levan ao hospital, te meten nunha Uci e escoitas: "Non lle podemos tocar que o podemos perder". Iso son palabras maiores, é algo serio. O meu foi un problema de estrés e de sobrecarga de traballo e aí sentín que tiña que afloxar. Agora non fumo, fago deporte, vivo cada momento e dedícome só á música. 

Titúlase Un bonito despertar, pero escribiuno antes da súa hospitalización. Foi premonitorio?
Pois agora penso que si, que é o meu disco meigo. O álbum xurdiu no Nadal de 2021 cando decidín facer un disco para regalarlle aos meus fans. Púxenme a compoñer e fíxeno rapidísimo, en 15 días xa o tiña listo, algo que xamais me sucedera. Agora penso que aquela inspiración tivo algo de maxia, de meigas, cheira moito a Galicia. Cando tiña todas as cancións escritas elexín por título Un bonito despertar e ao pouco sufrín o accidente cerebrovascular.

Temeu pola súa vida?
Vouche contar algo, estando na Uci tiven unha visión: vinme morto, na caixa. Eu vin como saía dela e me tiraba na cama e despertei en posición fetal, como un neno grande. Precisamente esa imaxe foi a portada do meu disco. Gustaríame falar cun experto para saber que significado pode ter isto. Xúrocho, quedei tocado.

O tempo que estivo alonxado dos escenarios por mor da recuperación serviulle para reflexionar?
A vida deume unha labazada coa man aberta e serviume para pensar que o tempo de vivir é agora. Non vale pensar no mañá porque pode que non chegue. 

A vida deume unha labazada coa man aberta e serviume para pensar que o tempo de vivir é agora. Pode que o mañá non chegue

Como lle sentou a volta aos escenarios?
Emocionante. Decidín pensar en min, dedicarme a min e presentar o meu novo disco na miña volta. No primeiro concerto non dei aguantado as lágrimas. Mentres me recuperaba moita xente se preocupou por min e o meu xeito de darlles as gracias é no escenario.

Javi Maneiro leva 10 anos en solitario e segue presentándose coas mesmas gafas que recordan ao cantante de Heredeiros. Foi un adeus ou un ata logo?
Foi un ata logo, tivemos que parar polo ritmo que levabamos. Ademais o camiño que tomou o grupo e o meu eran diferentes. Eu xa non me podo poñer na pel dun rapaz de 18 anos para escribir porque teño 50 tacos. Ademais, a liberdade que che da xirar en solitario é unha marabilla e dentro dun grupo tes un camiño marcado. Precisamente o único en min que segue igual son as gafas de sol. Agora teño unha imaxe nova, con sombreiro e traxe. De feito encarguei un negro e outro branco para empezar as actuacións con esa escuridade que vivín no hospital e rematar indo cara a luz.

Pasei a chamarme artísticamente só Maneiro en homenaxe a miña nai, que é unha heroína. Meu pai morreu cando eu tiña 13 anos e ela sacou adiante cinco fillos"

Convertéronse en referentes históricos do rock galego e en galego. Como levou o salto á fama?
Fixemos unha banda para saír de festa e foi un boom absoluto. A xente enganchouse a nós e foi irrepetible pero tamén bastante duro. Tes que intentar manter os pés na terra, valorar o que fas e conseguir que a fama non te perda, sobre todo aos 20 anos. 

Que foi o máis difícil de levar?
Poder facer a miña vida tranquilamente. Recordo que estar no medio de Boiro era imposible, todo o mundo quería facerse fotos, saudar... Algo totalmente normal  porque te debes ao público pero facíase duro ás veces. Chegou un momento en que se foi das mans incluso á hora de ter parella ou saír a comer coa familia. Apetecíame estar a soas con eles e era unha misión imposible. Pero cando saía de festa era estupendo! (Risas)

Compaxinou o traballo como cantante co traballo nunha fábrica de conservas. Que é máis duro?
Ui que difícil! Sabes o que pasa? Que cando un fai o que lle gusta, como a min a música, non custa traballo aínda que sexa duro. Eu durante 30 anos compaxinei ser artista con traballar na fábrica de conservas e iso foi un dos sobreesforzos que me pasaron factura. Era demasiado estrés.

Compaxinei durante 30 anos ser artista con traballar nunha fábrica de conservas"

Seu irmán Beni foi o responsable de que se vostede sexa músico.
Efectivamente, regaloume de neno unha guitarra española e meteume o ‘gusanillo’. Tamén foi el ao que lle din un diñeiro que conseguín indo de furtivo á ameixa para mercarme unha guitarra eléctrica. El estaba facendo a mili no País Vasco e volveu sen os cartos e sen a guitarra. Logo tiven que volver a ir á ameixa para facer pasta e marchamos tres nun Seat Panda desde Ribeira ata A Coruña e merqueina. Ao final chegou!

Non o botaron de casa seus pais por mor desa guitarra eléctrica?
Case (risas). Empecei tocando na salita da casa, pero cando a louza do moble bar comezou a tintinear mandáronme para o faiado, e como cada vez lle daba máis ‘caña’ á guitarra terminei no garaxe. 

Pero vostede ía para futbolista. Non si?
Ata os 18 anos fun futbolista. Encantábame o deporte. Pero un día o entrenador díxome: ‘Eres moi bo porteiro pero medindo só 1,72 non vas poder dedicarte profesionalmentre a isto’. Tiña razón. E deixeino. 

Empecei tocando na salita da casa,  pero cando a louza comezou a tintinear mandáronme para o faiado, e terminei no garaxe"

Nesta nova etapa vai pasar a chamarse artisticamente Maneiro. Por que decidiu prescindir de Javi?
Quero separar ao Javi Maneiro coñecido, do novo Maneiro, porque este disco é o máis persoal que fixen ata o de agora. É ademais unha homenaxe a miña nai, que é unha heroína. Eu apelídome Vázquez Maneiro e quedeime co apelido dela porque é un exemplo de vida. Meu pai era mariñeiro e morreu cando eu tiña 13 anos e miña nai sacou adiante a cinco fillos. É un orgullo levar o seu apelido.

Regresa cun álbum en galego, despois de tres en castelán. Era unha débeda cos seus fans?
Totalmente, é para eles. Deuse a circunstancia de que un día me chamaron do meu cole para facerlles un himno en galego e aí entráronme mogollón de ganas de volver a escribir na nosa lingua.

Comentarios