Isidro Novo daralle nome á Biblioteca Municipal de Lugo e será homenaxeado

A concelleira de cultura anunciou o acordo na presentación dun tributo ao escritor lugués que se fará o día 3 do mes próximo ► A Asociación de Escritores en Lingua Galega promove unha xornada de análise da súa obra, lectura de poesía e música en directo

De esquerda a dereita, Antonio Reigosa, Carmen Basadre, Cesáreo Sánchez e Lois Pérez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera De esquerda a dereita, Antonio Reigosa, Carmen Basadre, Cesáreo Sánchez e Lois Pérez. VICTORIA RODRÍGUEZ

O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, remarcou a necesidade de que a cidade «fixe a memoria física». Ese obxectivo vaise cumprir en Lugo ao nomear a Biblioteca Municipal de Lugo, situada no parque de Frigsa, como Isidro Novo.

O anuncio foi adiantado pola concelleira de cultura, Carmen Basadre, quen explicou que todos os grupos municipais manifestaron onte o seu acordo, polo que a medida sería rubricada no pleno no vindeiro xoves.

Basadre participaba na presentación dunha homenaxe ao escritor nacido en Lugo en 1951 e finado na cidade o pasado febreiro que organizou a AELG e contan coa colaboración co Concello.

Os actos desenvolveranse o sábado 3 do mes vindeiro no Vello Cárcere lucense.

J. Luis Calvo abrirá ás 10.30 horas un simposio sobre o autor falando da súa figura antes de dar paso a unha intervención Xosé Ramón Freixeiro Mato. Yago Rodríguez Yáñez faralle unha achega intimista á súa narrativa. A seguir, Marica Campo dará un paseo pola súa poesía.

O programa da mañá remata cun faladoido que vai contar con Sánchez Iglesias, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla Corcón. Será coordenada, ao igual co resto das actividades, polos promotores da xornada, Antonio Reigosa e Lois Pérez.

A mediodía haberá un receso para dirixirse á rúa do Bispo Aguirre, en cuxo número 10 viviu Isidro Novo durante os seus últimos anos. En relación co propósito de "fixar a memoria física" do narrador e poeta, o colectivo de escritores descubrirá unha placa co seu nome e a súa circunstancia vital.

Os actos volverán ao Vello Cárcere pola tarde nun recital no que haberá poesía de Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández Abella, Martiño Maseda e José Blázquez.

Tamén lerán pezas de Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, María José Fernández, Paco Reija, Cesáreo Sánchez Iglesias e Luis Valle.

Ademais da poesía haberá música de Tundal, Os Minhotos e Pilocha.

A memoria física de Novo terá como terceira vía -soamente durante esa xornada- unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos relacionados coa vida e o labor creativo do escritor. Viki Rivadulla, artista plástica, é a comisaria desta mostra, que se instalará no patio central e nas celas do centro cultural.

HETEROXÉNEO. Lois Pérez considerou que este programa «permitirá abordar diversos aspectos da vida e obra de Isidro Novo», na súa dimensión de autor "singular e heteroxéneo". De entre "o moito que fixo" Novo, salientou a súa devoción por "recoller palabras nunha serie infinita". Referíase á colección de termos que foi recollendo na sección "Palabras con memoria", que se publicou no portal da AELG. O seu obxectivo era «recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios", explicaba Isidro Novo.

Antonio Reigosa comentou que o falado e lido nesa xornada será compilado nun libro que levará unha capa do artista Quique Bordell e que será publicado polo Concello de Lugo.

Comentarios