Os irmáns Jorge e Pepe Coira recollen as súas Ondas pola serie 'Hierro'

A actriz Candela Peña, protagonista da produción, tamén foi galardoada

Los hermanos Coira, a la izquierda de la imagen, junto al resto del equipo de 'Hierro'. PREMIOS ONDAS
photo_camera Os irmáns Coira, á esquerda da imaxe, xunto ao resto do equipo de 'Hierro'. PREMIOS ONDAS

A actriz Candela Peña, que recibiu esta noite o premio Ondas á mellor actriz de ficción pola serie Hierro, explicou horas antes de recoller o galardón que ela non foi nin a primeira nin a segunda opción para o papel protagonista, o dunha xuíza e nai solteira. A serie, Ondas á mellor serie, está dirixida polos irmáns Jorge e Pepe Coira, naturais de Rábade, que tamén acudiron á gala para recoller o galardón.

Na recepción previa á gala, Candela Peña mostrou a súa satisfacción por protagonizar a primeira serie de Movistar que xira ao redor dunha figura feminina.

"Fíxome ilusión que me escollesen porque pensei que en min non verían unha xuíza. Paréceme de valentía. E non fun nin a primeira nin a segunda opción, e non o digo como algo negativo", sinalou. 

A actriz, gañadora de tres premios Goya, dixo que lle gustou encarnar o papel dunha muller como tantas outras "ás que as cousas non lles saen facilmente". 

"A min tampouco", confesou a actriz, quen con todo recoñeceu estar a vivir agora un "fantástico " momento profesional que espera que continúe, a pesar de seguir cumprindo anos, tras lamentar que na profesión aínda pese máis o aspecto físico da muller que outras cousas. "As mulleres entre nós temos que facer por igualarnos. E darnos o mesmo espazo nos medios. Como nas revistas femininas, por exemplo. Se eu fose outro tipo de muller e désenme un premio así é que estaría en todas as portadas ", engadiu. 

A cantante Rosalía —ausente no Liceu de Barcelona—, o humorista David Broncano ou os xornalistas radiofónicos Carlos Herrera e Pepa Bueno figuraron entre os gañadores dos 66 Premios Ondas que outorga Radio Barcelona da cadea Ser.

Comentarios