Instan a Negreira a recorrer ante o Tribunal Superior para retirar o título de fillo predilecto a Millán Astray

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña entregou esta mañá unha carta no rexistro municipal do consistorio a través da que insta o alcalde, o popular Carlos Negreira, a recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a resolución xudicial que anulou a retirada do título de fillo predilecto da localidade a José Millán Astray. O colectivo pide "sentidiño" ao rexedor, para que defenda o acordo plenario de 2009 polo que se desposuíu da distinción a Millán,  fundador da Lexión, e así mesmo ofrece o seu asesoramento ao Concello en canto a este trámite refírese. 

O xulgado do contencioso-administrativo número 3 da Coruña fixo pública a semana pasada a súa decisión de estimar o recurso presentado pola filla de Millán Astray contra o acordo municipal polo que se lle retirou o título, ao entender que, como o recoñecemento se concedeu en 1922 --14 anos antes de que se iniciase a Guerra Civil--, non cabe aplicar a lei da memoria histórica.

A CRMH entende, no entanto, que "entra de cheo" nos supostos recollidos na norma, porque o fundador da Lexión "participou no golpe militar e fascista de 1936 e, posteriormente, ocupou postos de responsabilidade na ditadura e foi procurador en Cortes por designación directa do ditador".

Así as cousas, na misiva, asinada polo presidente do colectivo, Manuel Monge, insta o alcalde a actuar "co mesmo 'sentidiño' que sempre tiveron as corporacións democráticas" de modo que o Concello da Coruña presente o correspondente recurso ante o TSXG e defenda o acordo adoptado en setembro de 2009.

O CRMH, crítico con algunhas declaracións do rexedor sobre o tema e sobre a figura de Millán Astray, asegura estar "a disposición" do goberno local "para canto precise" e suxírelle que convoque á comisión de expertos para achegar datos sobre o tema.

Comentarios