O Iescha lembra a Manuel María con máis dunha trintena de colaboracións

A entidade celebra o Día da Cultura Chairega de maneira virtual, con vídeos de cancións, recitado de poemas ou creacións artísticas arredor do escritor que comparte nas redes
A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro. MARTA MANCEBO (ARCHIVO)
photo_camera A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro. MARTA MANCEBO (ARCHIVO)

En homenaxe ao escritor Manuel María, finado o 8 de setembro de 2004, o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) leva celebrando en Vilalba o Día da Cultura Chairega dende o primeiro cabodano do seu pasamento. Mais este ano a entidade descartou organizar actos presenciais, priorizando a seguridade, e ideou unha alternativa virtual que conta con máis de 30 colaboracións.

"Ante a situación na que estamos, nas xuntanzas telemáticas que temos pensamos en facer unha actividade a través das redes e falamos de contactar con persoas coas que Manuel María tivo relación ou que coñecen a súa obra e o que representa coa Terra Chá para que gravasen pequenos vídeos para compartir na web ou en Facebook", explica a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

E a súa proposta, Vilalba, dona da Chaira, está a ter moita mellor acollida do que pensaban. "Estannos chegando traballos bonitos, importantes, diferentes...", precisa Barreiro, que apunta que seguen a recibir chamadas de xente interesada en sumarse á iniciativa, cuxas primeiras creacións xa se poden ver online.

"A miña vida sen el sería enormemente distinta e dende logo sería en moitos aspectos inferior", reflexiona Darío Xohán Cabana sobre un home "extraordinariamente bo" e "absolutamente feliz" na súa achega a unha convocatoria que conta con cancións, poemas de Manuel María ou dedicados a el, pinturas, recordos, análises... da man da súa "tribo": Lois Diéguez, Carmen Cabaneiro, Baruk e Rosana Domínguez, Eduardo Pérez Baamonde, Mero, Martiño Maseda, Xosé Ramón Vázquez, Felipe Arias, Felipe Senén, María Xosé Lamas e un longo etcétera.

O Iescha comparte unha destas achegas cada día, polo que as estreas seguirán durante este mes e en outubro. Unha vez que todas se fagan públicas, queren recompilalas nun DVD co fin de distribuilo entre os socios da entidade e entre as persoas que colaboraron desinteresadamente coa iniciativa Vilalba, dona da Chaira.

"Estamos realmente contentos coa resposta", valora Marisa Barreiro, que cre que esta aceptación, además de dar pé a unha proposta "interesante e bonita" serve para confirmar que "Vilalba está en débeda con Manuel María".

"Pediuse que se lle poña o seu nome á casa da cultura e iso é algo que non habería nin que falalo, porque outros lugares si que lle teñen dedicado espazos e Vilalba teno pendente", precisa a presidenta do Iescha, aclarando que, aínda que o proxecto non nacía con esa idea, si que contribúe a "apoiar a reivindicación". "Manuel María meréceo", conclúe.

Comentarios