lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Iago Eireos analiza as nacións convertendo un carro familiar en tirachinas

2019080917290583109
Iago Eireos, xunto a unha das pezas que compoñen a súa mostra. XESÚS PONTE
O artista lucense regresa quince anos despois á Deputación cunha exposición na que desdebuxa fronteiras e identidades

As últimas noticias sobre os tiroteos de Estados Unidos chegaron estes días inesperadamente ata Lugo. Iago Eireos, "máis lucense que a muralla", sitúa ao fondo da exposición Nación S. A. catro brancos de tiro con impactos de bala sobre unha cartografía do planeta Terra. Esta alegoría non pode estar máis á orde do día.

O artista regresa con esta retrospectiva a unha das salas que o viu nacer, a situada na planta inferior da sede da Deputación Provincial. Quince anos despois, Eireos mira cara a cara a Lugo como un cidadán mundial. "Volver a casa sempre é unha gozada, pero neste caso impón respecto", comentou xunto a un vello carro lucense, "de máis de cen anos e probablemente do meu bisavó", reinventado como un tirachinas xigante chamado Carro de combate.

Ao baixar as escaleiras da sala de San Marcos un atópase de face coa "instalación", incitando a saltar as obras expostas na primeira nave para ir directo ao final. A intención de Eireos é "remover conciencias" e entender que as nacións non son algo fixo.

"Nesta retrospectiva está unha das miñas primeiras obras -dúas dianas co mapa mundi gravado e tres dardos cravados sobre lugares en guerra- do Iago máis inxenuo, que quería chegar e comer. Logo está o máis vello, o crecido. Do primeiro xa queda pouco", confesou coa mirada posta no seu traballo máis recente que, de feito, estrea nesta mostra.

Na parede esquerda destacan varios retratos de raíñas como Sofía ou Madonna -cada unha monarca ao seu xeito- no medio de cartografías, a masa nai da exposición.

"Recollo materiais que atopo por aí, como facía Marcel Duchamp; aínda que o meu campo de traballo tende máis á pintura ou o gravado. O tema das instalacións... é algo que estou a probar", apreciou sobre os ruídos metálicos provenientes dunha das súas obras gravadas en vídeo.

Entre mapas con pintura superposta álzase Standard-Te, unha ventá con cristais debuxados coa que formar a túa propia bandeira, outra reflexión sobre as nacións. Hai algo común nestas obras mais alá do seu autor, a tensión. As cordas e cintas que emprega para esmagar lenzos que están ao bordo da ruptura.

Iago Eireos volve a Lugo, á mesma sala, quince anos despois e con Nación S. A., unha exposición onde pesa máis a "sociedade anónima" que os países. Do mozo que estudou no Ramón Falcón queda a disciplina, todo o demais é o artista atado con esas cordas buscando unha identidade.

Iago Eireos analiza as nacións convertendo un carro familiar en...
comentarios