Gracián: "María Victoria Moreno aprendeu galego dos alumnos"

Presentou en Lugo unha biografía novelada da autora. Insistiu na importancia da cidade en galeguizala

Ánxela Gracián, este mércores no Vello Cárcere de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Ánxela Gracián, este mércores no Vello Cárcere de Lugo. SEBAS SENANDE

Ánxela Gracián contou este mércores en Lugo que María Victoria Moreno, a autora recoñecida este ano no Día das Letras Galegas, aprendeu galego cos estudantes do Instituto Masculino de Lugo. "Ao comezo, o teu era un galego con erros fonéticos e, ás veces, a túa colocación dos pronomes era tan estraña que facías rir a todos os alumnos", apunta en Doce cartas para María Victoria Moreno (Hércules de Ediciones), o libro que presentou este miércoles en Lugo.

A escritora elaborou unha biografía novelada de Moreno (Valencia de Alcántara, 1939-Pontevedra, 2005) estruturada en doce cartas que van desenvolvendo a súa vida. Recordou que a homenaxeada nas Letras non naceu en Galicia, senón en Cáceres e non chegou ao país ata 1965.

A súa porta de entrada foi unha oposición que a converte en profesora de Lingua e Literatura españolas no Instituto Masculino. Ela mesma escribe que "en Lugo se lle descubre Galicia" en todas as súas manifestacións, especialmente na cultura e na lingua a través do profesorado que coñece.

Na cidade prodúcese a transformación "dunha filla do réxime, pois o seu pai é dos vencedores, e unha boa estudante» nunha profesora «tolerada" de galego e «amiga de comunistas». Ese cambio tráelle consecuencias como «a retirada do pasaporte», aínda que a novelista asume a repercusión de defender "o que se coñecía daquela como "lingua vernácula"". "Queda en Galicia para loitar polo galego, porque non lle ve sentido a deixar que morra", apunta Gracián.

GARIMOSO. As vivencias de María Victoria Moreno son vehiculadas por Gracián a través das cartas que lle envía o lobo Garimoso. Ese animal procede do conto Mar adiante, que a autora publicou en 1973. A súa peculiaridade é que "un lobo bo" que se dedica a ler as obras da autora para comentarllas na correspondencia que lle dirixe.

A biógrafa chama a atención sobre o carácter "pioneiro" dese relato, dado que "cambia el rol dun conto clásico", algo que se estendería pola literatura infantil e xuvenil anos máis tarde.

Ánxela Gracián lamenta que a novelista recoñecida coas Letras Galegas deste ano non escribise máis libros, "pero morreu nova, aos 67 anos. Pasoulle a vida entre as tarefas da casa, e atender ao seu home, que era cego, e aos dous fillos". Conclúe que "foi unha muller do seu tempo", aínda que "defendeu o dereito da muller a conducir e a facelo ben".

Comentarios