Os galegos Oliver Laxe e Eloy Enciso, entre os prefinalistas aos Goya

As cintas dos directores lucenses aspiran a ser candidatas dos premios en 15 categorías ('O que arde') e en 12 ('Longa noite'). Luis Tosar está na lista de mellor actor protagonista; María Vázquez, en actriz de reparto, e Zeltia Montes, en música orixinal
Imagen de 'Longa noite'. EP
photo_camera Imaxe de 'Longa noite'. EP

O cine lucense ten varias presenzas destacadas na relación das 146 películas que aspiran a facerse cunha figura na 34ª edición dos premios Goya. A Academia do Cine dará a coñecer o día 2 de decembro os finalistas de cada categoría.

O que arde figura entre os seleccionados en 15 categorías. Ademais de mellor película, Oliver Laxe podería coarse coa súa terceira longametraxe entre os nomeados a mellor dirección e guion orixinal. Os protagonistas, Amador Arias (A Fonsagrada) e Benedicta Sánchez (O Corgo) optan ás categorías de actor revelación. Tamén están seleccionados o becerrense Inazio Abrao e Elena Fernández para mellor actor e actriz de reparto, respectivamente.

Así mesmo, a cinta aspira a dirección de produción, dirección de fotografía, montaxe, dirección artística —Curru Garabal (A Coruña) e Samuel Lema (Pontevedra)—, deseño de vestiario, maquillaxe e barbería —Raquel Fidalgo (A Coruña)—, son Xavi Souto (Vigo) e David Machado e efectos especiais.

Eloy Enciso logrou figurar entre os aspirantes en doce categorías por Longa noite. O meirego está en mellor película dirección e guion adaptado, e a lucense Melania Freire figura en deseño de vestiario. Outras categorías nas que figura Longa noite son actor revelación, actriz revelación, dirección de produción, dirección de fotografía, montaxe, dirección artística, son e efectos especiais.

Luis Tosar figura en actor protagonista por Quien a hierro mata e Intemperie. Nesta cinta foron escollidos tamén María Vázquez —que ten orixes en Carballedo—, Juan Galiñanes (guion) e o falecido Xan Cejudo.

Zeltia Montes, con orixes no Saviñao, aspira a entrar en mellor música orixinal en Adeus e El silencio del pantano, unha cinta pola que Pedro Alonso espera ser nomeado mellor actor protagonista. Como actor de reparto aparece Tamar Novas en Elisa y Marcela, de Isabel Coixet.

Feedback, película coruñesa de Vaca Films que dirixe Pedro C. Alonso, podería lograr 18 nomeamentos como mellor película (Vaca Films), dirección novel e guion orixinal (Pedro C. Alonso), mellor música orixinal (Sergio Moure de Oteyza), mellor actor protagonista, actor de reparto, actriz de reparto, actriz revelación, dirección de produción, dirección de fotografía, montaxe (Juan Galiñanes), dirección artística, deseño de vestiario (Iria C. Alonso), maquillaxe e perruquería (Raquel Fidalgo, Noé Montes, Alberto Hortas), son e efectos especiais.

O vigués Santi Prego podería ser nomeado como actor revelación por Mientras dure la guerra, de Alejandro Amenábar.

MÁLAGA. As 146 películas seleccionadas foron estreadas en España entre os días 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste ano. A gala celebrarase o 25 de xaneiro en Málaga e os nominados coñeceranse o 2 de decembro.

Destas 146 producións; 88 son de ficción, 55 son documentais e tres de animación. Tamén concorren este ano 53 filmes europeos, 15 cintas iberoamericanas e 35 curtametraxes —15 de ficción, 10 documentais e 10 de animación—.

Das historias candidatas á convocatoria destes premios —cinco menos que na edición anterior-, 56 son óperas primas. En canto aos guións, 112 son orixinais e 29 son adaptados.

Comentarios