Galaxia presenta un recompilatorio virtual de artigos sobre Carlos Casares

Baixo o título Dez anos con Carlos Casares, a Editorial Galaxia inicia mañá venres numerosas actividades relacionadas co escritor desaparecido, entre as que destacan a edición en dixital da súa obra.

Ata fin de ano e cada dúas semanas, irán aparecendo diferentes artigos no blogue de Carlos Casares que se activará proximamente na web: editorialgalaxia.com. Así, na primeira entrega, o escritor Antón Riveiro Coello, autor que recoñeceu en moitas ocasións a importancia de Casares na súa literatura, escribe unha descrición dun autor ao que define "como un pai, un mestre".

Por outra banda, a profesora de Educación Infantil Ánxeles Abelleira fai unha achega a algúns dos libros dirixidos ao público infantil dos escritos por el. Finalmente, o escritor e actual director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, publica un texto en sobre a faceta xornalística de Casares.

OBRA DIXITALIZADA

Para este ano 2012 Editorial Galaxia acomete tamén a dixitalización das obras de Carlos Casares, de forma que se poderá acceder á adquisición destes libros agora preparados para a súa lectura dixital. Por outra banda, e coa idea de presentalo na Feira do Libro da Coruña, que se celebra en agosto, mes no que naceu Casares, Galaxia publicará un libro de homenaxe, obra de Rafael Laso.

A obra terá abundante material fotográfico e fará un achegamento completo á biografía de Casares. Ademais, a publicación conterá entrevistas con amigos que o coñeceron ben e distintos escritores que se viron influídos polo seu traballo. Finalmente, e coincidindo co final deste Ano Casares, publicarase un número especial de Revístaa Graal dedicado integramente á súa vida, obra e pegada literaria.

Comentarios