Galaxia acepta a dimisión de Francisco Castro como director xeral da editorial

A compañía agradece os servizos prestados "ao longo destes últimos anos"
Francisco Castro. IRENE DALMASES
photo_camera Francisco Castro. IRENE DALMASES

A Editorial Galaxia informou de que, tras a reunión celebrada este venres, o seu consello de administración aceptou a dimisión como director xeral de Francisco Castro, a quen agradece os servizos prestados "ao longo destes últimos anos". 

Castro fixera público este luns a súa decisión de presentar a súa dimisión. Declaraba que toma a decisión pola falta de apoio "reiterada" da editorial ao seu traballo tras as críticas vertidas polo escritor Alberto Ramos nunha entrevista concedida a Praza Pública, onde denunciaba o seu proceso persoal de edición e criticaba algúns aspectos na xestión e organización da empresa. 

"Non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe até agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo dos demais empregados, publicamente cuestionadas", afirmaba Castro. 

Na súa declaración, Castro tamén cargaba contra os órganos de xestión da editorial. "A miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección a unha empresa que, en múltiples ocasións, máis de forma especialmente virulenta nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vinculados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas", afeaba. 

Para concluír, o xa ex director xeral reivindicaba as orixes da editorial, fundada por "loitadores antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualable munición contra o totalitarismo". "Se eses valores esquécense e cuéstionanse desde o propio corazón da empresa, non ten sentido que eu me manteña á fronte", apuntaba.

Fervenza de críticas a Francisco Castro

A dimisión de Francisco Castro chega despois de varias semanas de polémica, concretamente en redes sociais, e despois de que o escritor Alberto Ramos, nunha entrevista concedida a Praza Pública pola publicación do seu libro Os corpos dos Romanov (editado por Galaxia), denunciase o seu proceso de edición e opinase sobre algúns aspectos da xestión da empresa cultural. 

Entre os escollos que enumeraba Ramos na entrevista, estaban a presión por cambiar o título do libro ou o "proceso fatigoso" polo que tivo que pasar para conseguir un contrato editorial, xa co libro publicado e en circulación. 

Por mor destas declaracións e entre cruces de acusacións, creceron en redes sociais as críticas doutras persoas relacionadas co mundo cultural respecto da xestión e organización de Galaxia e, máis concretamente, sobre o seu director xeral. 

Comentarios