A Fundación Sargadelos recuperará o Museo Carlos Maside de arte contemporáneo

"é un deber cívico, nestes tempos de pandemia, non amedrentarse e acometer proxectos e iniciativas ilusionantes", defende o administrador único do grupo cervense
Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside. XUNTA
photo_camera Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside. XUNTA

O novo padroado da Fundación Sargadelos, constituído o pasado luns 26 de outubro, acordou a recuperación e apertura do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, no Castro (Sada), así como "a potenciación de actividades nos renovados auditorios de Sargadelos, en Cervo; do Castro, en Sada; e do Instituto Galego de Información (Igi), en Santiago de Compostela".

Outro dos acordos tomados está relacionado coa organización dun simposio "para o estudo da paisaxe, a arquitectura e o urbanismo de Galicia", segundo informou a propia Fundación Sargadelos.

O administrador único do grupo Sargadelos, Segismundo García, afirmou que "superadas as circunstancias adversas que atravesara o grupo empresarial", é "un deber cívico, nestes tempos de pandemia, non amedrentarse e acometer proxectos e iniciativas ilusionantes", que "redunden no benestar e a mellora da nosa calidade de vida".

O presidente da Fundación agradeceu a incorporación ao padroado do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e dos representantes institucionais da Xunta e dos concellos de Cervo e Sada, municipios nos que Sargadelos ten centros de traballo.

Así mesmo, afirmou que, "dada a aptitude e cualificación dos patróns, sería imperdoable que non se obtivesen resultados brillantes".

A realización dos estudos e xestións necesarios para a apertura ao público das instalacións do Museo Carlos Maside, no Castro-Sada, que conta cunha das coleccións máis importantes de pintura e escultura galega, é un dos acordos adoptados polo padroado.

De feito, a Fundación Sargadelos informou que a súa apertura está prevista para o próximo verán.

Recorda, así mesmo, que o pasado verán xa abriron as súas portas, "sen ningún tipo de axuda pública", as instalacións do Museo Sargadelos, que tivo unha "excepcional acollida, coa visita de 4.652 persoas".

No mes de setembro do próximo ano celebraranse as primeiras Xornadas de Arte e Deseño, que estarán dedicadas a reflexionar sobre a paisaxe e a arquitectura galega, "co fin de prestigiar o noso hábitat e desterrar no posible, malos hábitos que, en ocasións, avergonzan ao visitante", subliña a Fundación.

O novo padroado está constituído por Segismundo García, que exerce como presidente; o economista Alberto Leiro, que o fai como vicepresidente e tesoureiro; e Luis Rodríguez (Lois Caeiro) que exerce como secretario; ademais de por Román Rodríguez, o xornalista Bieito Rubido e Camilo Díaz, en representación do Laboratorio de Formas.

En representación da Xunta de Galicia e dos concellos de Cervo e Sada, forman parte do mesmo o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e os respectivos alcaldes, Alfonso Villares e Óscar Benito Portela.

Comentarios