O festival de Cans abre a inscrición para unha edición na que aumentará os premios

Desde este martes xa se poden presentar obras para os concursos de curtas e vídeoclips

Mascota do Festival de Cans. ADP
photo_camera Mascota do Festival de Cans. ADP

O festival de Cans abriu este martes o período de recepción de obras para os seus concursos de curtametraxes e videoclips coa novidade este ano de que todos os premios terán dotación económica, 1.000 euros máis que en 2018, segundo informou a organización.

Tamén queda aberta a recepción de longametraxes ou outro tipo de obras para formar parte da programación do resto de seccións do festival.

Os distintos xurados e o público do Festival outorgarán un total de trece Cans de Pedra e un total de 8.900 euros en premios, 1.000 euros máis que na pasada edición.

O de maior dotación será o Premio do Xurado ao Mellor curto de ficción cunha dotación de 2.000 euros e o Premio do público ao mellor curto e o Premio do Xurado á Mellor curtametraxe de animación estarán dotados con 1.500 euros cada un.

O Premio do Xurado ao Mellor videoclip estará dotado con 500 euros e o Premio do público ao mellor videoclip con 300 euros. Este ano como novidade se incorpora o Premio á Mellor dirección de Fotografía.

Comentarios