"O fermoso non é oposto a feo, senón a falso; a mostra fala de beleza e de verdade"

A exposición 'Galicia futura. Todo o que imos ser', aberta en Lugo, imaxina como será o noso país en vinte anos nos campos da ciencia, a creatividade ou a sociedade

El Barroquista fala ante Déborah García, Anxo Lorenzo e outros representantes institucionais. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera El Barroquista fala ante Déborah García, Anxo Lorenzo e outros representantes institucionais. VICTORIA RODRÍGUEZ

A sala de exposicións que Afundación mantén en Lugo poderá desconectar o aire acondicionado dentro duns veráns. Serán os visitantes quen arrefríen a sala ao camiñar polo seu interior. Unha persoa que pese 80 quilogramos aliviará uns cinco graos o ambiente da estancia grazas á perovskiña.

De momento, este xoves non se botou de máis a calefacción na presentación de Galicia futura. Todo o que imos ser, unha exposición sobre o xeito no que setenta persoeiros da ciencia galega e creadores de arte imaxinan o país dentro de vinte anos promovida por Afundación e o Xacobeo.

A fotografía que recibe ao público amosa dous rapaces cos ollos abertos ao cansanzo. A química e comisaria Déborah García (Déborah Ciencia) remarcou que se trataba de dous mozos saíndo dun after. Garantiu que a veracidade da foto para reflexionar que "o fermoso non é oposto ao feo, senón do falso. Esta mostra fala de beleza e de verdade".

Na sala poden verse diversos obxectos nos que Galicia é preponerante ou pioneira nunha viaxe que parte da tradición para dixirse ao porvir. A idea central é o respecto polo pasado e a súa recuperación a través da reciclaxe para inquietar na menor medida posible o medio ambiente. Unha foto dun modelo de Adolfo Domínguez dá paso a unha sección de moda na que se exhibe unha manta elaborada cunha proteína láctea ou uns vaqueiros que son froito doutros reelaborados.

O cineasta Oliver Laxe rodou un documental con cabras para explicar a súa visión sobre o panorama rural do futuro

Na Galicia das vindeiras décadas, as cadeiras do Anxo Carro poderán estar feitas dunha fibra de carbono "resistente ás inclemencias do tempo" preparada con "residuo de celulosa, da lignina que se retira para facer papel sen que quede amarelo", segundo comenta o historiador de arte e tamén comisario Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista.

Outro exemplo do que pode chegar é o uso da casca de mexilón machucada para elaborar un formigón que non sufra a comezón do salitre, como acontece agora coas estruturas metálicas que o artellan.

Déborah Ciencia apuntou que "co quentamento global gastaremos máis enerxía en baixar as temperaturas", antes de lamentar que "a tecnoloxía non avanzou moito dende o botixo, que, por certo, ten unha tecnoloxía moi boa". Seguen usándose fluídos para arrefriar as neveiras, por exemplo, e eses líquidos van á atmosfera. Uns científicos galegos descubriron que hai un sólido, perovskiña, que arrefría baixo presión, e crearon unha báscula nun rectángulo que podería instalarse en toda a sala de Afundación nun verán desta década.

ARTE. Os artistas tamén achegan os seus augurios na exposición, que foi inaugurada polo secretario de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. A dramaturga Marta Pazos aceptou o reto de elaborar unha obra plástica sobre a igualdade. Pintou de morado unha habitación e adornou as paredes con figos desa cor cortados pola metade e colocados en ringleiras que baixan a xeito de chuvia.

Outra dependencia está dedicada a un documental no que Oliver Laxe supón o porvir do campo galego co documental O futuro das cabras, mentres que o arquitecto Carlos Quintáns seleccionou nove obras de fábricas e centros deportivos que permitiron rehabilitar entornos que quedaran abandonados.

Comentarios