O fenómeno 'Fariña' explota en Galicia coa venda de 25.000 libros

Unha sentenza absolve a editorial e autor da demanda dun exalcalde do Grove

Nacho Carretero. EP
photo_camera Nacho Carretero. EP

O libro Fariña, no que Nacho Carretero (A Coruña, 1981) traza unha historia do tráfico galego de drogas, acaba de atravesar unha tormenta perfecta. Tras ser secuestrado e obxecto dunha demanda que puxo en perigo a continuidade da editorial, Libros do K.O., unha sentenza deixouno este mércores integramente limpo. A obra do xornalista coruñés supera os 25.000 exemplares vendidos en Galicia. O editor Alberto Sáez estima que na nosa comunidade despachouse "a terceira parte" dos 70.000 comprados en España na súa versión orixinal en castelán. A esa cantidade, uns 23.000, habería que sumar os 2.500 aos que deu saída Xerais na versión en galego. A versión en catalán, publicada por Navona, está en terceira edición.

Sáez comentou que Fariña está a ter "un éxito desde o primeiro día" —publicouse en 2015—, "en Sanxenxo, O Grove, Arousa e Vigo", di enumerando a topominia das Rías Baixas e terrorios próximos.

"Ao final, o libro vai saír beneficiado e esperamos poder vender moitísimo en todo o que queda de verán, e coa proxección da serie en Netflix. Esperamos que isto quede como unha anécdota", apuntou o editor madrileño.

Un xulgado de Collado Villalba ordenara que se deixase de ofertar Fariña nas librerías o pasado marzo a petición do exalcalde do Grove, José Alfredo Bea Gondar, quen, ademais demandara a Carretero e á editorial por unha vulneración do seu dereito á honra ao ser citado en Fariña como participante nunha operación ilegal. O demandante pedía 500.000 euros como compensación e o xulgado esixiulle depositar 10.000 euros para responder os prexuízos que puidese causar a súa reclamación.

O xulgado de Collado Villalba rexeitou este mércores a pretensión de Bea Gondar, aínda que o exregidor pode recorrer á Audiencia Provincial  e, despois, ao Tribunal Supremo.  O representante de Libros do K.O. inclínase cara a que o percorrido xudicial do libro acabará "porque a sentenza é contundente" e parécelle raro que "a Audiencia Provincial de Madrid, que levantou o secuestro, vaia cambiar agora de criterio". A sentenza indica que "ningunha vulneración ao dereito á honra" do demandante produciuse, polo que se apunta que se dan os requisitos esixidos" pola Xurisprudencia do Tribunal Supremo para considerar "preferente o dereito de información ou no seu caso á liberdade de expresión", de acordo cunha información de Europa Press.

Recóllese que a información transmitida "é veraz" e está referida a asuntos públicos que "son de interese xeral polas materias que se tratan" xa que no libro "o que trata de describirse é a situación en Galicia con relación ao narcotráfico". Engade que as dúas únicas referencias ao exalcalde susténtanse en que "ostentaba un cargo público".

A resolución xudicial coñecida onte condena a José Alfredo Bea Gondar a pagar as costas xudiciais que a súa demanda causou á editorial. "Aínda teñen que calculalas os avogados", segundo sinala Alberto Sáez.

O depósito de Bea, para Libros do K.O.
Os 10.000 euros que entregou o exalcalde no xulgado compensarán á editorial polos exemplares que se estiman que se deixaron de vender pola prohibición xudicial. Nese momento do pasado marzo quedaban 8.000 volumes da 10ª edición sen comprar. Tras anularse o secuestro se comericalizaron todos; así como 15.000 da 11ª edición, á que acaba de seguir outra pola mesma cantidade.

"A caución de 10.000 euros parecíanos ridícula en proporción ás vendas que poderiamos ter co éxito da serie televisiva", protesta o editor. Cunha audiencia estimada en 5.000.000 de espectadores, "calculamos que vendésemos entre 15.000 e 20.000 libros, aínda que é difícil sabelo".

Libre dos obstáculos que se lle puxeron nos tribunais españois, Fariña prosegue a súa expansión. Libros do K.O. vendeu os dereitos ao Reino Unido, Italia, Polonia, Turquía e Líbano, que centraliza a versión árabe.

Comentarios