Feijóo apela a traballar para manter a distinción da Unesco ao Camiño Norte

O presidente da Xunta visita Mondoñedo, onde recorda que as tradicións das rutas xacobeas "están máis de moda que nunca"
Las autoridades recorrieron bajo la lluvia un tramo de la ruta jacobea
photo_camera Las autoridades recorrieron bajo la lluvia un tramo de la ruta jacobea

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, visitou este mércores Mondoñedo para celebrar que o Camiño do Norte, a catedral e a súa contorna conseguiron a declaración como Patrimonio Mundial da Unesco.

A comitiva, formada polo presidente, Elena Candia, a alcaldesa de Mondoñedo, e alcaldes do Camiño Norte, ademais do administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol e o bispo de Lugo, realizou unha visita á zona dos Muíños que terminou nos claustros da catedral mindoniense, onde o titular da Xunta afirmou que a condecoración é "un gran orgullo e unha gran responsabilidade".

O responsable autonómico explicou que é necesario traballar para manter esta distinción, xa que "aínda que levamos 21 séculos agardando este momento, hai tradicións que non perden actualidade, e as tradicións do Camiño de Santiago están máis de moda que nunca".

No acto reiterou que o Goberno autonómico está a traballar nun plan director dos camiños de Santiago que será presentado este mesmo ano. Tamén aludiu a investimentos como un novo albergue na Fonsagrada ou, en Mondoñedo, a reparación das vidreiras da catedral.

O administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol apuntou que o recoñecemento da ruta norte do Camiño de Santiago "non só supón pór en valor a catedral e o pobo, tamén pon en valor a xente, a paisaxe, a cultura e rompe a inercia dunha sociedade onde prima o mundo económico".

Elena Candia recordou que a catedral é unha xoia patrimonial que os mindonienses xa coñecen pero que agora "coñecerá todo o mundo".

Comentarios