ExpOtaku 2011 abre as súas portas na Coruña

A cidade da Coruña acolle este fin de semana o seu segundo Salón do Manga, un evento no que os amantes da cultura xaponesa e anime poderán visitar un total de 50 expositores e participar en numerosas actividades relacionadas co mundo do cómic, os videoxogos e os xogos de rol.

ExpOtaku 2011 é o nome co que se coñece ao encontro dedicado ao manga que ten lugar na cidade os días 20, 21 e 22 de maio. Celébrase paralelamente a outras citas relativas a esta mesma cultura en cidades españolas como Barcelona, Lleida, Girona ou Gijón.

O II Salón do Manga, promovido por Movemento Xove en colaboración coa Irmandade Interasociativa Otaku, ten lugar no recinto feiral ExpoCoruña acaparando máis de 4000 metros cadrados dedicados á cultura manga do momento combinada cun amplo programa de demos, talleres e distintos concursos para os amantes deste movemento.

Na súa segunda edición na localidade galega, o evento contará con dous invitados de excepción: o popular autor de IberiManga, Jesulink, e o ilustrador Pintureiro, que dará a coñecer unha mostra das súas mellores ilustracións femininas que forman parte do seu novo álbum ilustrado, Rapazas.

O debuxante madrileño residente na Coruña, que conta cunha ampla traxectoria como portadista e ilustrador para editoriais da talla de La Cúpula ou Kriss Comix, mostrou o seu agradecemento á organización pola decisión de contar con él nesta nova edición do salón: ''Supón para min un recoñecemento inesperado, faime moita ilusión e síntome honrado por poder dar a coñecer o meu traballo en ExpOtaku''.

Rapazas, as pin-up de Pintureiro é unha recompilación das súas mellores ilustracións femininas, que inclúe material publicado en España, Italia e EE UU. O álbum púxose á venda o 15 de maio, o seu autor móstrase optimista con respecto ao seu lanzamento: ''Aínda é pronto para cuantificar, pero de momento as miñas sensacións son moi positivas: todo felicitacións e mostras de agarimo''.

Con motivo desta cita, en certa medida decisiva para impulsar a ilustración e a cultura do cómic dentro das fronteiras galegas, Pintureiro aproveitou para dar a súa visión sobre o panorama da ilustración en Galicia:''Os ilustradores galegos teñen unha calidade recoñecida dentro e fóra de España, non se trata de algo puntual ou pasaxeiro, posto que aos autores xa consolidados súmanselles novos valores, cargados de talento''. O autor fixo certo fincapé na necesidade dunha pronta recuperación económica para impulsar esta industria, ''para que sexa capaz de albergar aos nosos ilustradores emerxentes e mellorar as nosas actuais condicións laborais''.

ExpOtaku 2011 espera, coas súas últimas novidades e exposicións, congregar a máis visitantes que na pasada edición e ofrecer así un impulso positivo para os novos creadores e amantes da cultura xaponesa e anime.

Comentarios