Un estudo conclúe que o galego saíu "ferido de gravidade" do franquismo

Henrique Monteagudo é o responsable da publicación
Monteagudo, escoltado por Francisco Castro, Víctor Freixanes e  Margarita Ledo. CABALAR
photo_camera Monteagudo, escoltado por Castro, Freixanes e Margarita Ledo. CABALAR

Un estudo do coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, incide no "enfraquecemento" que supuxo para o galego o franquismo.

"Sae ferido de gravidade, antes do franquismo estaba ferido, pero non de gravidade, despois do franquismo está máis debilitado", expuxo, en rolda de prensa, con motivo da presentación da publicación O idioma galego baixo o franquismo.

Xunto á "actuación represiva directa", apuntou a outra "difusa" que alcanzou "o conxunto da poboación e que ten que ver coa mobilización a través de aparellos ideolóxicos", engadiu tamén.

Monteagudo fixo estas consideracións nunha presentación xunto ao presidente da institución académica, Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo, así como o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

"Este libro é unha crónica necesaria dos esforzos da sociedade galega", dixo Freixanes sobre o papel desta para dar continuidade ao galego. "É unha crónica de represión e resistencia", indicou tamén o seu autor, que o considerou necesario para que a xente, sobre todo a máis nova, coñeza "unha historia moi descoñecida".

No acto, o director xeral de Galaxia destacou que se trata dun estudo "rigoroso", mentres Margarita Ledo incidiu en que houbo "unha maquinaria desgaleguizadora", apuntando tanto ao ámbito educativo como aos medios de comunicación.

Comentarios