sábado. 11.07.2020 |
El tiempo
sábado. 11.07.2020
El tiempo

"Estabamos gravando a Berenguela cando nos confirmou Miguel Ríos"

Luar na Lubre. AEP
Luar na Lubre. AEP
Luar na Lubre lanza Vieiras e vieiros, un disco que "é unha banda sonora do Camiño" ► Bieito Romero di que o álbum se inspira nas cartas que lles mandan os peregrinos

Luar na Lubre é a banda que máis soa no Camiño, polo que decidiron facer unha banda sonora do Camiño en agradecemento.A súa música soa reiteradamente nas tendas da peregrinación a Santiago segundo se entra en Galicia porque representa o país e a súa tradición. Grazas a eses establecementos fóronos coñecendo viaxeiros de todo o mundo que lles escribiron "unhas trescentas cartas" para contar a experiencia. Delas nace o novo ton do novo disco, "que incide nas figuras humanas" que avanzan polos diferentes camiños "máis que nos propios camiños", matiza o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero.

Unicamente concretan no itinerario francés para unha serie de cortes que soan entre tema e tema. Os músicos gravaron dende Villafranca del Bierzo ata Compostela sons como "o río de Samos ou un paxaro en Vega de Valcárcel". A badalada final é a da Berenguela. Subiron á Torre do Reloxo, na catedral de Santiago, para rexistrar o seu tanguer.

"Estabamos gravando cando chamou Miguel Ríos para confirmar" que participaba no disco. "Tiven que interrompelo". O cantante intervén no corte que abre o disco, "Benvido". "Cando llo propuxen, contestoume: "Ya me estáis metiendo otra vez en mi canción" e a verdade é que eu nin acordaba de Bienvenidos", asegura Romero. "A peza estaba entre rock, pop e celta, e nos parecía que iría ben a voz dun home. Lembrei que Miguel Ríos me dixera unha vez que lle gustaba moito a nosa música e de que se ofrecera a colaborar con nós. A súa tesitura de voz era axeitada".

Cando instalaran un complexo equipo de micrófonos na Torre do Reloxo chamou o cantante andaluz. "Tiven que colgarlle porque faltaban cinco minutos para que soase a Berenguela". Bieito Romero remarca que "é a primeira vez que canta en galego", aínda que é o idioma dominante no disco, no que tamén soan o latín, o inglés e o francés. O idioma romano escoitase en "Dum pater familias" como desafío á cantante, Irma Macías. "Será o primeiro videoclip, que se estrea estes días".

O Camiño Francés está representado con mesma medida en que aparece a ruta do norte (La grande chanson) e a primitiva, a través dun tema en Na romaría.

A maiores recuperan unha canción tan determinante no ámbito xacobeo, O romance de don Gaiferos, unha composición medieval que versionean que recuperou Faustino Santalices. "Xa o graváramos, desta vez é máis fiel" ao xeito no que o rehabilitou o fundador do obradoiro de instrumentos tradicionais da Deputación de Lugo.

"Estabamos gravando a Berenguela cando nos confirmou Miguel Ríos"
comentarios