M. C. Escher: a perfecta combinación das matemáticas e a arte

Obra del autor 'Dibujando Manos'
photo_camera Obra del autor 'Dibujando Manos'

Na Galería de Sargadelos, debaixo dos soportais da Rúa Nova de Santiago, o cartel da exposición  'Escher e as mátemáticas' non loce demasiado vistoso. A pesar de estar na Semana da Ciencia, e a excepción do cabaré científico, semella que o resto de actividades programadas non contan con demasiada publicidade.

Con todo, esta pequena exposición que se adentra no imaxinario do pintor holandés é unha boa opción para mellorar a comprensión da súa obra para aqueles que xa a coñezan e unha perfecta maneira de iniciarse na interrelación entre as matemáticas e a arte para os que non.

A Escher non lle gustaban as matemáticas, pero os seus debuxos teñen unha forte conexión co mundo da xeometría e da física. Era un ilusionista do espazo, da simetría e das dimensións, e algunhas das súas composicións foron estudadas anos adiante por  físicos e matemáticos. A súa especialidade era xogar cos espazos imposibles, e nisto se centra a exposición coordinada pola Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática e o Departamento de Educación do Concello de Santiago. 

Unha visita guiada
Este martes, un grupo de alumnos de 4º da ESO resoplaban ao entrar polas portas da Galería de Sargadelos, con ganas de todo menos de aprender matemáticas. As caras comezaron a cambiarlles tras a proxección dun vídeo no que ilustres matemáticos falaban sobre a obra do pintor holandés, e algúns xa comezaban a entender o que se lle pasaba pola cabeza a Escher cando debuxaba cousas imposibles.

Láminas como 'Fervenza', 'Relatividade', 'Tres esferas' ou 'Belvedere' colgan das paredes da galería, desafiando as leis da lóxica e aumentando o interese dos rapaces. Coas explicacións de Melania, Bea, Sabela e Paulo, a complexidade de Escher semellaba menor, e as preguntas aparecían en boca de algúns.

Despertar a curiosidade
Os obradoiros recordan ás clases de tecnoloxía de 1º da ESO: tesoiras, cartulinas de cores e pezas de tangram. Pero algo tan sinxelo como pode parecer unha teselación (un patrón de figuras que cobre un superficie plana), convértese nun complicado quebracabezas unha vez en acción. Para resolvelo, moita lóxica, moita paciencia e ganas de aprender cousas novas.

Como por exemplo, que os lagartos eran os animais favoritos de Escher, e que por iso xogaba tanto coas súas formas. E sen darse conta, os rapaces estaban unindo lagartos de 'gomaespuma' nun espazo infinito e facendo preguntas sobre por que encaixaban todos tan ben.

Melania levounos ao seu terreo cando comezou a explicación detallada de cada unha das láminas do pintor. As preguntas xa saían soas, e todos tiñan algún chiste que facer sobre os peixes que se converten en patos ou as escaleiras enganosas que nunca rematan.

A exposición, concebida para abrir a nosa concepción do espazo a novas dimensións, está aberta ata o venres 14 de novembro a todos os que queiran ver o imposible plasmado en papel.

Comentarios