O Gaiás acolle unha das edicións de Premios da Cultura máis reivindicativa

A baixada do Iva cultural, a reactivación do Plan Xeral da Lingua Galega ou a conservación do patrimonio cultural foron as peticións dos galardoados

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolleu este luns unha das edicións máis reivindicativas da entrega dos Premios da Cultura Galega.

Á xa coñecida renuncia do galardón por parte da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, premiada no apartado de Lingua, uniuse a voz combatente da actriz María Bouzas, premio de Artes Escénicas, quen no seu caso recolleu tal distinción e demandou unha urxente baixada do Iva cultural.

O acto de entrega dos galardóns institucionais acolleu nas instalacións da Cidade da Cultura a numerosas autoridades da vida política e cultural da comunidade autónoma de Galicia. No seu discurso, ao final do acto, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reivindicou unha Galicia "unida pola súa cultura", que é unha ferramenta coa que "escoita e fala" co resto do mundo, afirmou.

A escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen Nora March, foron os galardoados nas diferentes modalidades dos premios na edición de 2015.

Os galardóns teñen como obxectivo recoñecer e pór en valor a traxectoria das persoas ou entidades máis destacadas nos diferentes ámbitos das manifestacións culturais de Galicia.

OS GALARDOADOS. María Bouzas, unha das actrices galegas con maior experiencia e traxectoria profesional, afirmou: "non sei quen gobernará no futuro, pero por favor baixen o Iva cultural". María Bouzas recoñeceu ser unha afortunada no mundo das artes escénicas "mentres outros tiveron que pechar compañías en Galicia".

O debuxante Miguelanxo Prado foi o galardoado na modalidade de Artes Plásticas. O autor máis importante da historia do cómic galego dixo que a cultura é "o adhesivo" máis potente que existe na sociedade.

Na modalidade de Letras a premiada foi a escritora Fina Casalderrey, cunha traxectoria profesional vinculada á literatura infantil e xuvenil que se traduce en máis de 50 títulos. Casalderrey, ausente no acto deste luns, falou por boca de Dolores Vilavedra, quen recolleu o galardón e transmitiu o sentir da escritora ao reclamar a activación do "conciliador" Plan Xeral da Lingua Galega.

O recoñecemento do xurado na modalidade de Música foi para o Coro Toxos e Froles, que tivo a súa orixe no seo da Orquestra Ferrolá de Pulso e Puga Airiños d'a Miña Terra, en 1907. O seu portavoz fixo un chamamento ás institucións "para que nos axuden a preservar o patrimonio que atesouramos".

Na categoría de Audiovisual o premio recaeu este ano no cineasta Ignacio Vilar, director de filmes como Ilegal (2001), Un bosque de música (2003), Pradolongo (2007), Vilamor (2011) e A esmorga (2014). Vilar recordou a súa infancia en Petín e comentou que aquela experiencia me marcou para sempre como a Balbino", recordando así ao protagonista de Memorias dun neno labrego, do desaparecido Xosé Neira Vilas.


Na modalidade de Patrimonio Cultural, o xurado recoñeceu o traballo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que naceu en 1993 co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o patrimonio marítimo de Galicia, sobre todo en embarcacións tradicionais. O seu presidente, Manuel García Sendón, indicou que a flota artesanal galega "espera ansiosa" a súa declaración como ben patrimonial.

A investigadora norteamericana Kathleen Nora March foi a gañadora na modalidade de Promoción Exterior. Esta filóloga, hispanista e catedrática de Linguas Modernas da Universidade de Maine ata a súa recente xubilación, foi pioneira na investigación da cultura galega e dos estudos galegos no mundo universitario dos Estados Unidos. A catedrática indicou que o Premio da Cultura Galega "é unha das grandes sorpresas da miña vida" e agradeceu ao escritor e editor Xosé Ramón Fandiño que lle abriu "as portas" da Enciclopedia Galega.

Comentarios