O Festival de Cans outorga a Antonio Durán 'Morris' o premio de honra 'Pedigree'

Antonio Durán Morris recibirá este ano o premio de honra Pedigree 2012 do Festival de Cans, en recoñecemento á súa traxectoria como actor de cine e tamén polo seu apoio constante aos novos realizadores de curtametraxes, televisión e teatro, segundo adiantou a organización.

Con este galardón, Morris súmase María Pujalte, Ernesto Chao, Xavier Villaverde, Chete Lera, Antón Reixa, Luís Tosar, Celso Bugallo e Mabel Rivera, que o obtiveron nas edicións anteriores. O actor recibirá o afamado Can de Pedra, obra do canteiro Paco Candán, na noite do próximo venres 25 de maio na parroquia de Cans-O Porriño.

A Asociación Cultural Arela, organizadora do festival de curtas, tamén homenaxeará este ano a outras tres persoas polo seu apoio ao evento, aos que lles entregará os non menos prestixiosos chimpíns de prata. Os homenaxeados con este galardón serán o xornalista, presentador e reporteiro de televisión Gonzo, coñecido pola súa participación, entre outros programas, en Caiga Quien Caiga, ou El Intermedio.

Tamén recibirán senllos chimpín de prata os veciños de Cans Carmen Fernández Quintas e Alberto Davila Giráldez, quen "personifican o papel que moitos veciños xogan no festival: xente que apoia á organización cun labor silencioso, de axuda constante e disposición absoluta", sinalan os organizadores.

Comentarios