O británico Tom Sharpe falece aos 85 anos

O escritor británico Tom Sharpe, un dos grandes mestres da narrativa humorística, faleceu hoxe aos 85 anos en Llafranc, na Costa Brava, onde residía desde fai 24 anos, informou a Efe un portavoz do editorial Anagrama.

Tomp Sharpe, que residía só nunha casa de Llafranc, no municipio de Palafrugell, Xirona, faleceu cara á unha da madrugada de hoxe (23.00 GMT do mércores) como consecuencia dunhas complicacións da diabetes que padecía e que nos últimos días deixárano en estado de postración.

Caracterizado por un humor negro e corrosivo, Sharpe é coñecido especialmente pola súa obra Wilt, á que seguiron varias secuelas, como As tribulacións de Wilt, ¡Ánimo, Wilt!, Wilt non se aclara e A herdanza de Wilt, nas que cultiva a sátira social.

En 1989, Wilt foi levada ao cine baixo a dirección de Michael Tuchner.

Outras obras súas son Reunión tumultuosa, Exhibición impúdica e Mobilización en Cambridge, escritas nos anos 70.

A portavoz de Anagrama, editorial que publica a súa obra en español, sinalou que o corpo de Sharpe será trasladado proximamente ao tanatorio de Palafrugell, onde se esperará a chegada este fin de semana dunha filla do escritor que reside en América.

O seu corpo será incinerado e as súas cinzas serán esparexidas en Llafranc, e noutras dúas localidades británicas, unha delas Cambridge, onde estudou historia na súa famosa universidade.

Comentarios