O DOG publica mañá a declaración como BIC do Facho de Donón

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de zona arqueolóxica, do Facho de Donón, no municipio pontevedrés de Cangas, para protexer, conservar e difundir esta zona "única" no ámbito peninsular.

O Consello da Xunta aprobou o pasado 14 de marzo a declaración BIC do Facho de Donón, situado no extremo occidental da península do Morrazo, que ocupa un promontorio duns 180 metros sobre o nivel do mar e cun gran dominio visual sobre o océano e as Illas Cíes e Ons.

A Xunta informou hoxe nun comunicado de que o seu gran valor xustifícase principalmente pola existencia dun notable santuario e porque o lugar acolle sitios arqueolóxicos pertencentes a un arco cronolóxico moi amplo, con petróglifos e asentamentos humanos desde o Bronce Final ata inicios da Alta Idade Media.

Trátase da primeira declaración BIC dun santuario precristián de tradición prerromana.

A partir de mañá abrirase un período de información pública de dous meses no que os interesados poderán examinar o expediente e alegar o que estimen convinte nas dependencias administrativas da Consellería de Cultura.

Comentarios