Máis de 20 funcións programadas ata xaneiro do 2017

EducaTeatro Producións leva a Santiago ‘O mundo máxico de Pinocho’ o sábado 26

A produtora viguesa presentará o seu novo espectáculo no Teatro La Salle con dous pases, ás 17.00 e ás 19.00 horas
O musical ‘O mundo máxico de Pinocho’
photo_camera O musical ‘O mundo máxico de Pinocho’

EducaTeatro Producións chegará o vindeiro sábado día 26 a Santiago de Compostela co seu novo musical infantil, O mundo máxico de Pinocho. Logo do éxito obtido na capital cos seus anteriores traballos, Carapuchiña Vermella e Os tres porquiños, a produtora viguesa programou dúas funcións na cidade, ás 17.00 e ás 19.00 horas.

En O mundo máxico de Pinocho, o público atoparase cunha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.

A participación do público, unha das características de EducaTeatro Producións, será outra constante na nova montaxe. Á entrada ao teatro, repartirase entre todos os asistentes un marcapáxinas con forma de variña máxica para que axuden á Fada Mimadriña nos seus trucos, e ao remate da función, todo o que desexe (e de forma totalmente gratuíta) poderá sacar fotografías cos personaxes da obra.

A proposta, de 60 minutos de duración, mestura diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpóreos. Un completo espectáculo especialmente pensado para o público familiar con cativos a partir de 2 anos.

As entradas anticipadas, a un prezo único de 8 euros (menores de 24 meses no colo non pagan) xa están á venda en ataquilla.com, e, de non esgotarse previamente, despacharanse o mesmo día da función na billeteira do teatro por 10 euros.

comentarios