Deseño de Lugo para o mundo

Unha revista elaborada na Escola de Artes e Deseño Ramón Falcón obtén un recoñecemento internacional polo seu deseño gráfico e será exposta no centro Matadero, de Madrid
O equipo que fixo a revista premiada. EP
photo_camera O equipo que fixo a revista premiada. EP

Unha revista deseñada por un equipo da Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón acaba de obter un galardón internacional. O centro felicitouse onte do recoñecemento e a proxección que supón para Lugo e para os estudantes que se forman na escola.

En concreto, o xurado internacional da mostra de estudantes / bid_est 2019 (8º Encontro BID) decidiu outorgar a Mención Deseño Gráfico e Comunicación Audiovisual ao número 8 da revista NM, escollida entre todas as propostas presentadas polos centros formativos inscritos, reseñou onte a Ramón Falcón.

"Este fantástico traballo ocupará un lugar destacado na exposición que se realizará na Central de Deseño de Matadero Madrid, así como na galería online da web do oitavo Encontro BID", desta-
cou o xoves o centro educativo lucense.

Ademais, os autores recibirán o selo correspondente ao galardón e un certificado. A inauguración da mostra terá lugar o 20 de novembro, data na que os estudantes lucenses recibirán o premio.

Xunto ao profesor José Antonio Cruz Lago, os estudantes autores do traballo son María Lagarón Real, Raquel Aguirre González, Breogán Alamancos Millán, Brais Rodríguez Zárate, Viviana Castrillón Villamarzo, Cecilia Fernández Blanco, Ana Gómez Sastre, Rebeca Fernández Vázquez, Inca Rábade Roca y Jessica Mera.

O centro tamén celebrou o xoves Conexión, festa de inicio do curso na que se fixo entrega de premios a alumnos destacados.

O premio extraordinario de Ensinanzas Superiores de Deseño foi para María Lagarón Real, María; o de ciclo formativo de Grao Superior o obtivo a alumna do CFGS Fotografía Evelin Ruiz Crego. Tivo premio extraordinario de ciclo formativo de Grao Medio o alumno do CFGM de Serigrafía Aníbal Balbona Sánchez e houbo mención de honra a creatividade e a innovación a alumna de Ensinanzas Superiores de Deseño de Interiores Sofía Pérez López.

Comentarios