A Deputación de Lugo renova o convenio coa RAG para protexer o galego

Este acordo supón a achega de 9.000 euros por parte da institución provincial para financiar as súas actividades

A deputada de Cultura, Pilar García Porto e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. DEPUTACIÓN
photo_camera A deputada de Cultura, Pilar García Porto e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. DEPUTACIÓN

A Deputación de Lugo e a Real Academia Galega (RAG) renovaron o convenio de colaboración entre ambas as entidades para fomentar a cultura galega e promover a protección e o uso do idioma, un acordo que supón a achega de 9.000 euros por parte da institución provincial para financiar as súas actividades.

O convenio de colaboración foi asinado pola deputada de Cultura, Pilar García Porto; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; e a tesoureira, Marilar Aleixandre.

García Porto afirmou que "este acordo é un paso máis" no "compromiso" do goberno provincial "coa lingua, que é un dos alicerces fundamentais da propia cultura galega".

"Desde a Deputación queremos facer todo o que estea nas nosas mans para frear o descenso de falantes, sobre todo no que se refire á xente nova das zonas urbanas. Tamén queremos pór en valor unha lingua que nos une co mundo, pois a intercomprensibilidade co portugués achéganos a 250 millóns de persoas", engadiu.

Ademais, a deputada de Cultura lembrou que este convenio se suma ás demais iniciativas que puxo en marcha a Deputación este ano para pór "en valor o idioma galego", como "o proxecto comunitario para promocionar a literatura entre os colectivos vulnerables, xunto coa Fundación Uxío Novoneyra", ou o convenio asinado coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Comentarios