Denuncian a Ed Sheeran polo suposto plaxio dun tema de Marvin Gaye

A compañía Structured Asset Sales (SAS), que posúe parte dos dereitos do tema, reclama á estrela 100 millóns de dólares

Ed Sheeran. AEP
photo_camera Ed Sheeran. AEP

O músico británico Ed Sheeran foi denunciado en Estados Unidos por un suposto plaxio do tema de Marvin Gaye Let's Get It On segundo informaron este venres medios británicos. A compañía Structured Asset Sales (SAS), que posúe parte dos dereitos do tema, reclama á estrela 100 millóns de dólares.

A firma considera que a canción Thinking Out Loud que Sheeran publicou en 2014, copia "a melodía, os ritmos, as harmonías, os acordes, a batería, a liña de baixo, os coros de recheo, o tempo, o síncope e o looping" da de Gaye, segundo o diario británico The Guardian.

SAS adquiriu un terzo dos dereitos de Let's Get It On cando en 2003 faleceu Edward Townsend, que asinou o tema xunto con Gaye en 1973. Sheeran incluíu Thinking Out Loud no seu disco X, do que vendeu máis de 15 millóns de copias.

Esta é a segunda acción xudicial que afronta o músico británico por ese tema, despois de que en 2016 os herdeiros Townsend xa iniciasen unha demanda similar. Sheeran, de 27 anos, negou entón esas acusacións, aínda que segundo a cadea pública británica BBC, "non está claro" se ese proceso se chegara a resolver.

Comentarios