Darío Xohán Cabana deixa de ser fillo de Corcubión tras solicitalo a familia

O Concello coruñés atende a súa petición e retira a distinción. O exalcalde Rafael Mouzo pensa querelarse contra os propoñentes
Darío Xohán Cabana, en Corcubión en 1986. AEP
photo_camera Darío Xohán Cabana, en Corcubión en 1986. AEP

O pleno do Concello de Corcubión aceptou este xoves retirar o título de fillo adoptivo a Darío Xohán Cabana, que lle concedera por maioría no pasado maio, tras unha petición expresa da familia do escritor. O grupo Sempre Corcubión fixera a proposta, que saíra adiante cos seus dous votos, outros dous do BNG e un do PP. O PSOE, con tres concelleiros e na alcaldía, abstivérase por non atopar vínculo abondo do autor coa vila, onde exerceu como policía municipal entre os anos 1983 e 1986.

A viúva de Darío, Amelia Outeiro; e os fillos, Alexandra e Martiño, apuntaron á incomodidade por non ter sido avisados da iniciativa "como é costume facer". O voceiro de Sempre Corcubión, Alfredo González, discrepa e argumenta que "debeu ser valorado como algo positivo".

Optan por "non entrar" ás declaracións do alcalde socialista, Manuel Insua, a respecto dos méritos; pero deixan patente que é "outro motivo para rexeitar o nomeamento".

A familia do escritor defende que "en Corcubión non foi feliz". Asegura que Mouzo lle deu "un trato caciquil" que chegou mesmo ao nivel de querer "obrigalo a actuar fóra da legalidade"

Hai unha apreciación superior e definitiva que causou que "en Corcubión non foi feliz". Refírese a que o daquela alcalde, Rafael Mouzo (BNG), lle deu "un trato caciquil" que chegou mesmo ao nivel de querer "obrigalo a actuar fóra da legalidade". Darío Xohán Cabana "sufriu as consecuencias de ser estrito no cumprimento da lei" a consecuencia do "acoso continuado ao que se viu sometido", sumado a "unha falta de apoio" que o "afundiron animicamente e o levaron a buscar unha alternativa laboral o máis axiña posible e lonxe de alí".

Estivo facendo un curso de Bibliotecomanía na Coruña xunto ao periodista Antón Castro -a quen Cabana recollía en Arteixo- "durante dous ou tres meses" nun primeiro intento e acabou sendo funcionario do Concello de Lugo.

Esas afirmacións da familia causaron unha "sorpresa enorme" a Rafael Mouzo, quen defende que non foi "consciente" de que o daquela axente local gardase esa visión da súa relación. "Nunca tiven un encontronazo ou unha diferenza con Darío", subliña para engadir que as acusacións da familia teñen a natureza "dunha calumnia e unha infamia".

Mouzo: "Para min caeu o mito que era como como persoa e como escritor"

"CAEU O MITO". O exrexedor confesou que, se a percepción de quen foi fillo adoptivo de Corcubión se corresponden co que desvela a familia, "para min caeu o mito que era como como persoa e como escritor". Quen fora alcalde nacionalista sinala a posibilidade de que ao autor non lle gustase ser policía local e comprende que "quisexe volver á súa terra".

Antón Castro, que o tratou nese tempo, explica que "a xente non sabía que era", en parte porque "levaba unha vida secreta no campo creativo". O periodista observa que "non parecía feliz, pero si parecía adaptado" porque "a xente tratábao ben" e el sabía que Corcubión era "un porto de paso" para poder marchar "a outro sitio".

O exrexedor polo BNG lembrou que Cabana (1952-2021) "foi despedido cunha cea" á que foron "todos e, ao ano seguinte, veu dar o pregón dunha semana cultural".

Unha vez asumida a decepción de ser o causante para que a familia do escritor e académico lugués falecido reclamase, Rafael Mouzo reaccionou indignado á protesta da familia, polo que advertiu que vai acudir aos xulgados para impulsar unha "querela" contra ela "por inxurias e calumnias". Tras anunciar ese propósito, preguntouse "cómo se fala de algo sen sentido tras corenta anos".

Comentarios