Cultura axudará con 460.000 euros ás industrias do sector

A Consellería de Cultura anunciou que continuará apoiando as industrias do sector cunha nova subvención de 460.000 euros ás asociacións profesionais, á distribución e ás salas de exhibición.

O Diario Oficial de Galicia publicará esta semana a resolución, aprobada polo Consello Reitor da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), presidido polo conselleiro Xesús Vázquez, informa a Xunta nun comunicado.

A iniciativa centraliza os programas de apoio aplicados a reforzar o papel dos creadores individuais e das empresas culturais para consolidar un tecido capitalizado, competitivo e innovador, á vez que se potencia a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos diferenciais.

As contías económicas adxudicadas en réxime de concorrencia competitiva dedicadas a festivais, actividade escénica, distribución de salas e asociacionismo aumentan case un 10 % respecto ao ano anterior.

Comentarios