José Luis Cuerda: "'Amence que non é pouco' non sería posible hoxe"

O director de cine participou en Santiago nunha charla coloquio sobre a súa obra, a ecoloxía e a liberdade de expresión
José Luis Cuerda coloca su nombre en el 'Torreiro das estrelas' de Cans
photo_camera José Luis Cuerda coloca su nombre en el 'Torreiro das estrelas' de Cans

O director de cine José Luis Cuerda participou este xoves nunha charla-coloquio no Teatro Principal de Santiago de Compostela organizado polo grupo Descarboniza, que non é pouco no que, tras unha proxección do icónico filme Amence, que non é pouco, o director reflexionou sobre a súa obra, a ecoloxía e a liberdade de expresión.

"Esta película non sería posible a día de hoxe, igual que outras 700 ideas que teño cada día, que serían dignas do cadalso", sentenciou Cuerda tras unha pregunta en relación á recente condena a unha tuiteira por facer un chiste sobre Carrero Blanco, o que para o director é "un signo terrible dos tempos que corren".

A pesar de crer que non podería publicar unha película como Amence, que non é pouco, Cuerda asegurou que non cambiaría nada da súa obra se a volvese realizar, xa que se sentiría "moi canalla se cortase o que ditase o medo". "Xa non teño idade para ir ao cárcere, aínda que a verdade é que fixen méritos ao longo da miña carreira", chanceou o cineasta.

Un dos temas centrais da proxección e o posterior coloquio organizados por un grupo de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago era o ecoloxismo, ao que Cuerda lle restou importancia ao entender que "o cambio climático non é o que máis me preocupa".

"O verdadeiro problema non é o cambio climático, senón o sistema e a ideoloxía asasina que o provocan", afirmou Cuerda, que tamén expresou a súa preocupación "polo desastre ecolóxico das ideas".

"Moitas veces dinme que son un antisistema como se fora algo malo, pero creo que é o normal", asegurou o director, para o que formar parte do sistema "é o equivalente a ser un xenocida, xa que o sistema mata xente en todo momento".

Sen abandonar o marco do ecoloxismo, Cuerda reflexionou sobre a vida no rural que retrata Amence, que non é pouco, unha película que "levaba máis de dez anos sen ver" pero que segue cualificando de "aleccionadora".

"A vida na cidade é celular, só conviven anacos de familias que xeralmente se levan mal; a verdadeira vida en comunidade, a máis vital, vívese no rural", asegurou o director, que exemplificou esta diferenza aducindo que "nun pobo sabes con quen te tomas un viño na barra do bar, na cidade non tes esa sorte e non podes evitalo".

"Non sei que pensarían do ecoloxismo os personaxes da película, a filosofía que a envolve é demasiado pedestre", concluíu Cuerda, que tamén defendeu "a literalidade das palabras" antes de confesar a súa "incapacidade" para escribir en linguaxe poética.

Comentarios