De Cora, premio Arenas por unha obra sobre crimes en familias galegas de alcurnia

O escritor e xornalista lucense recibiu o galardón por 'Ilustres asasinos e distinguidos cadáveres' no 70º aniversario da librería coruñesa

José de Cora recibió el lunes el premio Arenas en un acto en la mítica librería coruñesa Arenas. MONCHO FUENTES
photo_camera José de Cora recibiu o luns o premio Arenas nun acto na mítica librería coruñesa. MONCHO FUENTES

O escritor e xornalista José de Cora sostén que a ovella negra máis negra das familias galegas afectadas por un crime non era unha ovella, senón un polo, O Polo Varela. José Vázquez era fillo dun alcalde de Vigo que falecera. Unha mañá de 1888 a viúva e nai aparece morta no portal 109 da rúa Fuencarral de Madrid. Ese número xa non existe e o crime diluíuse na historia do delito senón fose porque "Pérez Galdós o investigou e contou en 'El crimen de la calle Fuencarral', como apunta De Cora.

"O Polo Varela líbrase de ser xulgado porque acusan -e axustizan- unha muller do servizo da vítima, pero reincide e mata a unha amante que era prostituta", engade o autor de 'Ilustres asesinos y distinguidos cadáveres', polo que foi galardoado co Premio Literario Fernando Arenas. O xurado destacou o traballo de recompilación "de sucesos criminais" contado cunha "prosa xornalística que engancha o lector".

O galardón, que lle foi concedido este luns na Coruña polo 70º aniversario da mítica librería coruñesa, recoñece unha investigación sobre "familias distinguidas de Galicia que tiveron un asasino nas súas vidas, como vítima ou criminal". A obra é unha parte da historia da delincuencia galega na que José de Cora leva traballando cinco anos. "Estou a investigar Lugo e Ourense, e xa empecei coa Coruña e Pontevedra; é un proxecto a longo prazo".

É unha investigación sobre familias distinguidas que tiveron un asasino nas súas vidas, como vítima ou criminal

Os delitos de matiz política son tratados no libro. Aparece Castelao en Nova York tras a súa estancia na URSS. Unha moza sérvelle de guía e tradutora. É amable. Tamén coa Cia, que lle encarga un informe sobre o líder do Partido Galeguista. "Non lles conta nada interesante", di De Cora, que hai un ano por estas datas gañou o premio Alvite.

A espía permite escribir máis páxinas do ensaio. Casa cun mexicano, Jalisco, e ambos se desprazan a Oleiros. Jalisco desterra da vida a súa muller, a súa sogra e a unha cuñada. Ao saír do cárcere, volve contraer nupcias e é pai. Non tardará en 'ocuparse' da súa esposa e da súa filla.

Un avó de Ánxel Fole si sobrevive a un atentado "de carácter político, munipalista" en Pantón no que morren varios criados. Segue sen resolverse.

Comentarios