Collin Farrel mete medo

O actor Colin Farrell transfórmase en vampiro en Noche de miedo, a película de terror que encabeza unha carteleira na que coinciden Gérard Depardieu e o seu fillo, falecido en 2008, Guillaume Depardieu, con Mammuth e Stella, respectivamente.

En Noche de miedo, actualización do clásico do terror que en 1985 escribiu e dirixiu Tom Holland, o mozo Charlie Brewster (Anton Yelchin) descobre, ante a incredulidade dos seus amigos e familiares, que o seu novo veciño, Jerry (Colin Farrell), é en realidade un vampiro que anda polo barrio en busca de novas vítimas. O popular actor Colin Farrell (Última llamada ou Alejandro Magno) protagoniza xunto a Anton Yelchin (Terminator Salvation ou Star Trek) esta película dirixida polo director australiano Craig Gillespie.

 

Helen Mirren (Rachel Singer) e Sam Worthington (David) encabezan a repartición de La deuda, o remake realizado por John Madden da exitosa película homónima israelí estreada en 2007. A  longametraxe tamén conta coas actuacións de, entre outros, Jessica Chastain, Jesper
Christensen e Marton Csokas. Trinta anos logo de participar nunha misión secreta para capturar un coñecido cirurxián nazi, que terminou coa morte deste nas rúas de Berlín, chegan ata Rachel, antiga axente do Mossad, rumores de que o vello criminal podería seguir vivo, reabríndose a investigación.

Un teléfono móbil perdido, unha chamada misteriosa e un xogo en internet baixo identidades falsas farán cambalearse en Black Heaven a vida de Gaspard, un adolescente que a través deste pasatempo coñecerá a Audrey, unha moza ambigua e sedutora coa que se atopará nese mundo virtual e na vida real. O francés Gilles Marchand –Bon voyage ou Lemming–, dirixe este thríller protagonizado polos novos actores Grégoire Leprince-Ringuet e Louise Bourgoin.

 

OUTRAS NOVIDADES
‘Mammuth’
Serge (Gérard Depardieu), a piques de xubilarse, descobre que moitas das empresas nas que traballou non o recoñecen como empregado. Disposto a lograr os documentos precisos para retirarse, emprenderá unha viaxe a lombos da súa vella moto Mammoth, durante o que se reencontrará co seu pasado.

‘Stella’ Afeita ao ambiente do humilde bar que rexentan os seus pais no arrabalde de París, Stella, unha nena de once anos lúcida e curiosa, descubrirá na súa nova escola sentimentos como a amizade, o primeiro amor e as hostilidades típicas da adolescencia. Foi o último filme de Guillaume Depardieu.

Comentarios