Unha disc jockey de Quiroga, nos European Music Awards

Marta Fierro, unha das poucas mulleres que triunfa no ámbito español, prepara a súa sesión na entrega de premios mentres imparte clases en Madrid sobre a súa profesión â?? "No colexio descubrín o poder de ser quen elixe a música", di
Marta Fierro. EME DJ
photo_camera Marta Fierro. EME DJ

Os xoves tocaba limpeza no internado das Fillas de Cristo Rei de Carballo. Marta esperaba ese día da semana con ilusión. As portas de todas as habitacións abríanse para que correse o aire da hixiene. Ela instalaba o seu radiocasete de dobre pletina ante o seu cuarto e puña música para as súas compañeiras. "No internado descubrín o poder de ser quen elixe a música" e a súa vocación, aínda que queda latente e calada durante unha década. 

"Gústame investigar e tirar do fío". Unha curiosidade que aplica tanto á música, na que unha canción é unha porta que conduce a outra, e que lle gustaría aplicar aos delitos. "Teño unha forte vocación de detective. Aínda hoxe". 

Marta Fierro naceu en Montefurado en 1982. O río Sil, que atravesa ese lugar de Quiroga, cambia cada verán; pero ela nunca falta para bañarse. A súa infancia e adolescencia transcorreron en Sada. O tío Javi estaba cerca. Era un estudante cunha ampla colección de rock, pop e música negra. "Non se dedica á música. ¡Oxalá!". 

"Con 14 ou 15 anos celebrabamos o Entroido nun local social de Sada que convertiamos nunha discoteca para rapaces. Eu tiña un equipo e discos, polo que os ofrecía". 

Non deixou de pinchar, pero iso non era unha profesión nin sequera un oficio. "Non sabía o que era un disc jockey. Vía na televisión anuncios de recompilatorios e quería ser a que elixise eses temas". 

Estudou Cine e Comunicación Audiovisual. Traballou como meritoria. Parecía unha profesión ou un oficio, pero "suxeitaba cámaras ou levaba cables" en Al salir de clase ou Hospital Central. Nunca cobrou. 

Aos 26 anos asinou o seu primeiro contrato. Foi cunha axencia de disc jockeys. Xa se estableceu en Madrid, cidade na que continúa vivindo. Baixo o nome de EME DJ foi elixida como mellor discjockey nacional de 2010, 2011 e 2014 na revista Rockdelux e nomeada por Go Mag entre os dez mellores pinchadiscos españois. Resultou nomeada en seis edicións dos premios Vicious Music Awards. En 2016 foi votada terceiro mellor DJ Nacional en Rockdelux. 

"Somos animadores de borrachos. A maioría do público non recorda a sesión, pero si que o pasou ben"

Agora non usa o radiocassete do colexio, senón pratos que moveu no Sónar, BBK, FIB Benicàssim, PortAmérica, Sonorama, Areal Sound, San San Festival, Festival Jameos del Agua, DCode, Phe Festival... así como en Inglaterra, Italia ou Tunisia. Agora espéraa a entrega de premios dos MTV European Awards en novembro con sede en Sevilla. Sabe que é unha cita importante, pero trata de augar as súas expectactivas "para ter os pés na terra". Ademais de actuar en directo, remesturou figuras como Zahara e acompañou en concertos á rapeira Eskarnia. 

EME DJ é muller, "como o 30 por cento da profesión". "Cada vez somos máis, supoño que isto acababará sendo como no fútbol feminino". "Non me discriminaron por ser muller, pero si teño moitos trolls nas redes sociais que non se atreven a dicirme os seus comentarios á cara. Tamén lles pasa aos homes, pero as críticas ás mozas son máis duras". 

Marta fala sen pausa. Brinca de asunto en asunto como cando mestura cancións coas súas agullas. 

"En Eivissa hai unha clínica especializada en disc jockeys". EME DJ define as emocións nocturnas da súa profesión como "ego, medo e rabia". "Teño poucos amigos disc jockeys. Hai moitas rivalidades. É difícil que un DJ se achegue á cabina doutro e lle ofreza picar xuntos. Despois todos se queren nas redes sociais". 

Non discute que o 80% do seu público está bebido ou drogado, unha situación ou a outra, ás veces as dúas; pero non se decatan do que oen. O restante 20% escóitaa. "Eses agradécencho e fancho chegar". Ao día seguinte a maioría non recorda a sesión, "pero si que o pasou ben. Somos animadores de borrachos". 

A música gústalle tanto como ao seu tío Javi. Tes que sentila como unha forza poderosa para soportar os desaxustes de sono, as dores de costas, a hipertensión, a alimentación inadecuada, a soidade, as tensións con familiares e amigos, a depresión,... a enumeración de males encadéanse uns a outros como os temas que conecta no seu traballo. 

PSICÓLOGO. Marta non puido manterse enteira. Nin sequera acordarse do río verde de Montefurado foi unha contención para que a ansiedade non se desbocase. "Traballaba un ou dous días á semana. Quédanche moitas horas libres para comerte a cabeza. O psicólogo deume a alta esta semana, logo de cinco anos. Estou feliz". 

Cando estaba interna en Carballo logrou que as festas de limpeza dos xoves a conducisen a ser profesional. EME DJ reflexionou moito sobre o seu oficio. Escribiu un libro: Mamá, quero ser disc jockey. As súas análises transmitíallas aos seus amigos. 

"As miñas alumnas séntense máis cohibidas cando teñen que manexar os equipos ante os mozos"

Hai catro anos elevou ese ensino informal a ser profesora de Discjockey e Animación Musical nun centro de FP. "Axudoume a saír da noite e a sentirme útil". 

O traballo dos pinchadiscos no campo educativo está en expansión. "En Madrid hai como vinte centros, en Vigo hai un". 

Ensina aos matriculados "tipos de música, partes dunha canción, ritmo, son, como se monta unha cabina, como se mestura, como se fai un vinilo, quen foron os primeiros disc jockeys, como se crea unha imaxe,...". 

Este xoves foi a presentación do curso. O luns comezará o traballo. "Faremos un dicionario musical e poreilles un documental breve sobre a figura do produtor". 

Os intereses dos estudantes son comúns. "Veñen do trap e o reguetón". As diferenzas aparecen cando se mira por xénero. "As mozas séntense máis cohibidas cando deben manexar os equipos ante os mozos". 

Marta Fierro nunca se imaxinou que acabaría ensinando a outros como poñer a canción xusta no momento exacto, como facía aquel primeiro xoves de internado no que pousou un radiocasete ante a súa porta.

Comentarios