"O churrasco de mamut sabe a polo xigante"

Pakolas leva facendo unha estrondosa distorsión coa guitarra dende os 17 anos e vivía en México. Agora en Galicia, e con 44, concede que "se fai falta se baixa o volume"
Pakolas. PIXELIN PHOTO
photo_camera Pakolas. PIXELIN PHOTO

PAKOLAS É Pakolas cando canta rock en solitario para nenos. Pakolas é Paco cando se acompaña da súa banda de música infantil de rock A Gramola Gominola. Pakolas é Paco Cerdeira cando toca co grupo de rock Zënzar e se pon diante de adultos. O coronavirus alterou moitas cousas, pero non a vida artística de Pakolas. «O ano pasado fixen 114 actuacións con Pakolas, e 26, con A Gramola Gominola. As de Zënzar non as conto porque é un hobby». Pakolas vén de editar ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’ (Galaxia), un libro disco sobre unha avoa labrega do Courel que viaxa nunha máquina do tempo. Mañá presentarao na Casa de Manuel María a nenos de 4 a 9 anos.

Fáleme do covid e de vostede.

Cando empezou o medo tiven moita cancelación. Pasou o medo e tiven recontratacións. Volveu o medo e tiven recancelacións.

O rock para nenos é máis suave?

Fago a mesma música para nenos que para adultos. Ás veces fago unha canción para Pakolas e cambiámoslle a letra para Zënzar.

Móvese entre o pop e o metal.

Os nenos aceptan todo: rock, punk, metal. Gústame facer rock para nenos porque non se fai.

Empezou en Mamá Cabra hai trece anos.

Viña de intentar homologar o meu título de enxeñeiro civil de México e traballaba no estudo Fábrica da Luz. Nun concerto coñecín os Mamá Cabra.

Por que tiña un título mexicano?

O meu avó e o meu pai foron emigrantes. Eu nacín en Santiago e con seis anos marchei para México. O meu avó Delfín era o que máis galego falaba entre os de Avión que estaban alí. Na posguerra emigrara. Vendía colchóns que levaba ás costas. Os emigrantes axudábanse moito. Dixéronlle: ‘Delfín, vas montar unha moblería’. ‘Pero como? Non teño cartos». Compráronlle os mobles. ‘Xa nos pagarás’. Tivo unha moblería e un balneario.

Vostede volve para ser enxeñeiro.

Interésanme as gravacións dixitais. Ofrecínme a soldar cables en Fábrica da Luz se me permitían aprender. E acabei traballando alí.

Un curioso camiño cara á música.

En México tocaba nun grupo de verbena e en varios de rock.

Que aprendeu en Mamá Cabra?

Aprendín o traballo con nenos e, pouco a pouco, os espectáculos interactivos. Se o neno o pasa ben, o pai está contento; pero se o pai tamén o pasa ben está o dobre de contento. É a diferenza entre un espectáculo infantil e un familiar, que participen todos. Todo suma. Cando todos se desinhiben o efecto multiplícase por dez.

Que diferenza A Gramola Gominola de Mamá Cabra.

Mamá Cabra fai folk e rock para nenos de 0 a 99 anos. A Gramola Gominola xa non me corto. A distorsión serve igual para un adulto que para un neno. Se molesta a alguén temos unha rosca para baixar o volume. Facemos rock para nenos de 0 a 99 ano, aínda que é unha discriminación para os de 100 anos.

E chegamos a Pakolas.

Xurdiu dunha necesidade dun sobriño meu que non arrancaba a falar.

Colaborou co Colexio Profesional de Logopedas para solucionalo.

Preguntei aos logopedas por que non usaban a música como ferramenta e me dixeron que porque non a había cos requerimentos que eles precisaban.

Que lle pediron?

Ritmos fáciles, moi marcados; estribillos repetitivos e letras sinxelas: "Baldomero,/ os teus cartos valen cero".

O seu último libro-disco conta historias. Facelo nunha letra sinxela non é doado.

Os logopedas pediron que as letras contasen unha historia para que lles acorde aos nenos e aprendan.

Por que Ramona é do Courel?

Porque hai devesas nas que está o 50 por cento da biodiversidade de Galicia. Ramona vai ao futuro na máquina do tempo para aprender unha tecnoloxía que lle permita mellorar a ecoloxía. Cando chega, descubre que o futuro é gris e escuro. Volve á máquina para atopar a Leonardo da Vinci, pero escaralla a máquina e aparece noutras épocas.

Ramona proba o churrasco de mamut. A que sabe?

Ten un sabor similar ao dun polo xigante. Con esa historia ensino como vestían e que a barba era a súa mascariña.

O coronavirus estorba moito para actuar?

Os concertos son máis complicados. Temos que seguir os protocolos, aínda que non coñezo o primeiro caso dun concerto no que houbese contaxios. Os cantantes podemos estar sen mascariña, pero non se establece a distancia, polo que eu me poño a catro metros.

Como responde o público?

Os concellos e as asociacións que organizan concertos son conscientes de que deben adoptar unha serie de medidas, e os nenos, tamén. O nenos pórtanse moi ben. Os aforos son máis reducidos. Dende que hai o coronavirus cambian os cinco primeiros minutos do concerto. Os espectadores están máis inhibidos e custa máis que se solten. Pero tamén é certo que están con moitas ganas e, cando se desinhiben algúns, arrastran os demais.

Sigue probando a comida mexicana?

Ás veces. Hai pouco fun en Lugo a un restaurante (La Capital Azteca, en Germán Alonso, 8).

Gustoulle ou era unha imitación dun restaurante auténtico?

Gustoume. Son mexicanos.

Comentarios