Novo cinema galego

Os centauros do deserto cinematográfico galego

Unha nova xeración de directores está consolidando unha marca propia de filmes ► O triunfo de Oliver Laxe no festival de Cannes foi un fito na produción do país

Oliver Laxe. J.VÁZQUEZ
photo_camera Oliver Laxe. J.VÁZQUEZ

Martin Pawley é o nome dun buscador de xustiza na película Centauros do deserto, de John Ford. Martin Pawley é o nome que se puxo un coruñés de orixe chairega o día en que decidiu apoiar co seu talento e esforzo os centaruros que estaban empezando a atravesar o deserto cinematográfico galego.

Pawley defínese como "cineasta " porque na xeración de películas xa non hai "diferenza entre oficios, como no cinema de toda a vida". Por exemplo, el mesmo foi director, programador, crítico, montador e distribuídor.

Como comentarista en prensa, escribiu 2010, o ano do novo cinema galego no extinto Xornal de Galicia. O texto, publicado o 2 de xaneiro dese ano, era máis unha intuición que unha constatación. "Nese artigo falaba de Todos vós sodes capitáns, que viña de terminar Óliver Laxe; da primeira montaxe de Arraianos, de Eloy Enciso, e dos comezos de Xurxo Chirro con Vikingland", comenta Martin Pawley.

Engade que "ao cabo, foi un acerto porque esas películas foron ben e uns filmes tiran por outros, que Todos vós sodes capitáns chegase a Cannes axudou a que as outras o tivesen máis fácil".

Martin Pawley di que o Novo Cinema Galego "consiste en que non todo pasa pola TVG e polo cine do teu barrio"

O propio crítico foi produtor da cinta de Óliver Laxe (1982), nacido en París, con antecesores en Navia de Suarna e Cervantes. "Non sabiamos que ía chegar a Cannes, pero si a que chegaría a algo gordo: que non quedaría nun caixón", lembra Martin Pawley.

O director francés e o cineasta coruñés xa se coñeceran no 2008, cando coincidiran no Festival Filmiño, "que era verdadeiramente internacional, porque se celebraba en Tomiño e en Vilanova da Cerveira". Ao ano seguinte, Felipe Laxe regresa de Estados Unidos. Entre os tres forman "unha estrutura para levar o gran potencial de Todos vós sodes capitáns a festivais".

A cinta gaña a Semana da Crítica de Cannes no 2010 que augurara Martin Pawley; Vikingland de Xurxo Chirro (A Guarda, 1973) compite no festival de Marsella en 2011 e Arraianos de Eloy Enciso (Meira, 1975) estréase no certame suízo de Locarno en 2012.

Esta tríade serviu de plataforma para traballos posteriores de toda unha xeración de cineastas, que é diversa —tanto en intereses como en expresión—. Entre outros nomes, figuran Lois Patiño, Diana Toucedo, Lázaro Louzao, Olga Osorio, Xiana do Teixeiro e Álvaro Gago.

Andrés Goteira tivo que escapar do respaldo que sente en Meira para poder concentrarse e escribir a premiada Dhogs

Martin Pawley constata que o fenómeno foi posible porque había "grandes películas" e porque os realizadores decidiron non conformarse con ser Chano Piñeiro para que a Televisión de Galicia repuxese o seu Sempre Xonxa cada Día das Letras. O experto indica que "o cambio do Novo Cinema Galego foi saber que non todo pasa pola TVG e polo cine do teu barrio, senón que hai que ir a festivais".

Como consecuencia desas circunstancias xenerouse unha marca, "que xa asume ata a Xunta nas súas notas de prensa" única en España. "Non hai un novo cinema vasco ou andaluz", remarca para deixar clara a excepcionalidade da xeración galega.

CAFÉS. O cinema tivo camiños de chegada inesperados. Eloy Enciso marchara a Estados Unidos no 2000 para aprender inglés tras estudar Enxeñería Forestal en Valencia. Estiven traballando vendendo cafés e sandwichs no posto duns orientais polas mañás, e nun cinema, polas tardes. Vendía flocos de millo e cocacolas de tamaños xigantes. O cine poñía bastantes películas de autor, filmes europeos e así".

A maiores, "perto do cinema había un videoclub especializado neses filmes de autor, polo que empecei a ter unha relación máis natural co cinema. Daquela intentei quedar en Los Ángeles para estudar cine, pero era carísimo e complicado".

Chaplin tamén foi determinante para Olga Osorio. Asistiu a un ciclo do cómico británico na Semana Internacional de Cinema de Autor de Lugo e "foi unha revelación"

Ao volver a Valencia, empezou a traballar nun videoclub. Un ano máis tarde, fixo unha proba para a Escola de Cinema de Cuba e collérono. "Foi onde aprendín todo o que sei de cine e onde tiven unha experiencia humana interesantes porque había xente de moitos sitios; sobre todo de Latinoamérica, pero tamén de Europa e de África", sinala. Na segunda volta na casa, gañou un concurso para facer un documental sobre Benidorm. "Fixen unha curtametraxe que se convertiría en Pic nic, a miña primeira longametraxe".

Xacio Baño (Xove, 1983) tamén ten formación de enxeñeiro porque pensaba en seguir a carreira profesional do pai. Hai uns meses estreou Trote, unha longametraxe que ten por escenario unha rapa das bestas. Tras esa películaestán as súas vivencias de infancia en núcleos rurais como son Montefurado (Quiroga) e Manzaneda. "Non o tiven fácil para empezar no cine. Vivín en sitios pequenos, fun á escola unitaria de Montefurado, mundo pechado", indica o cineasta. Levoulle dous anos saber que "non ía ser feliz".

Con 20 anos Xacio Baño viviu un ano sabático na Coruña. "Non era cinéfilo, pero ese ano vin máis cine antigo, clásico; atopei o xeito de narrar. Descubrín que contar historias si que me enchía".

O director de Xove rexeitou facer Dirección ou Guión. Explica que estudou "Montaxe porque montar é a escrita do cineasta. Tiña claro que non se pode aprender a dirixir ou a escribir para contar o mundo. Cada un ten o seu punto de vista do mundo, iso non podo aprenderse".

Martin Pawley asegura que os nomes do Novo Cinema Galego van seguir rodando e non dubida de que "van saír novos nomes porque se creou un paraugas"

PERTIGUISTA. Andrés Goteira (Meira, 1983), responsable da premiada Dhogs, tampouco se centrou na Dirección cando pensou en formarse. "Era técnico de son, pertiguista; pero, ao ver como traballaba o equipo, volvía á miña vila con moitas ganas" e facía curtametraxes cos seus amigos.

O ámbito no que se desenvolve, unha vila dálle protección e, ao tempo, réstalle liberdade. "Coñezo a todo o mundo, así que marchei a Edimburgo hai seis anos para poder concentrarme e escribir Dhogs", di. Marchou para Gran Bretaña con dúas grandes influencias: a estrutura das películas de vaqueiros e "os silencios e as accións por riba dos diálogos" de Chaplin. Entra a traballar nun hostal no que fai as camas e no que acaba por ascender a recepcionista noturno. No traballo coñece outro galego que lle amosa "un cinema de autor que era difícil de atopar nese momento".

Chaplin tamén foi determinante para Olga Osorio. Asistiu a un ciclo do cómico británico na Semana Internacional de Cinema de Autor de Lugo e "foi unha revelación",que a animou a ser cineasta no sentido que definiu Martin Pawley de querer dedicarse a actividades relacionadas con filmes.

Estudou Xornalismo e preparou unha oposición cun temario para dar clases de medios de comunicación. "Soamente 1 tema dos 61 que estudiei tiña que ver co periodismo", pero logrou unha praza para impartir clase na Escola de Imaxe e Son da Coruña, onde Andrés Goteira aprendía todos os matices de gravar sons.

Brian Rodríguez:"Empecei a escribir pezas de teatro curtas e a xente dicía que eran como curtametraxes, polo que me animei"

A maiores de ensinar nas aulas, nas que puido aprender a linguaxe audiovisual, fixo webs, fotografía, fillos e deixou a fotografía. Antes fixera teatro e cursos de interpretación. "No 2013, xa nos 40, empecei a botar unha man á miña parella Juan Galiñanes para facer filmes, e descubrín que non estaba tan lonxe", recoñece.

Un día empezou a filmar Einstein Rosen "de coña" cos seus fillos e axudada por un equipo técnico "formado por amigos". A "coña" deulle uns cantos recoñecementos e levouna a festivais como o de Brasilia, onde está estes días.

Despois do Novo Cinema Galego empeza a haber un novísimo cinema galego que ten un representante en Lugo con Brian Rodríguez, que xa tivo recoñecementos pola súa curtametraxe Maullidos de látex.

"Empecei a escribir pezas de teatro curtas e a xente dicía que eran como curtametraxes, polo que me animei", afirma o director debutante. Como no caso de Olga Osorio, foi unha oposición o impulso para empezar nas películas. Brian suspendeu, polo que se dediciu a matricularse nun máster de creación audiovisual en Pontevedra. Xa reuniu catro curtametraxes e a idea para unha quinta.

Martin Pawley asegura que os nomes do Novo Cinema Galego van seguir rodando e non dubida de que "van saír novos nomes porque se creou un paraugas, un marca para acoller a xente que queira facer un cine autorial. O que carece de sentido é facer un Braveheart á galega, como se intentou".

Comentarios