"Celavella' foi moi especial para nós"

Pepe Coira presentou, na Semana de Cine, o primeiro traballo que fixo en ficción co seu irmán Jorge hai vinte anos para a TVG.  O guionista destacou o carácter innovador desta produción, que expuxo un novo tipo de series televisivas detectivescas e de intriga
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Xulio Xiz, Pepe Coira, Ana Belén Traseira e Manuel Curiel, na Deputación. XESÚS PONTE

O guionista Pepe Coira tivo este venres ocasión de presentar, para o público da Semana de Cine de Lugo, un dos traballos dos que se sente máis orgulloso. Trátase da serie As leis de Celavella que fixo, para Televisión de Galicia, xunto ao seu irmán Jorge entre os anos 2003 e 2005 e que aínda se pode ver a través da web da televisión autonómica.

"Escollín esta serie para demostrar que tamén facemos televisión e, sobre todo, porque foi moi especial para nós. Principalmente, porque se fixo nun momento no que non se facían series de época e de detectives e iso foi un reto para nós. Queriamos falar da historia deste país e, por todo iso, había certa dificultade de facela polo que supón de atopar vestiarios e de produción... Era un reto continuo pero, a cambio, sentiamos que aprendiamos moito", explicaba Pepe Coira, pouco antes da intervención na Deputación.

As leis de Celavella foi, ademais, o primeiro traballo de ficción en común que realizaron os irmáns Coira, pero tamén foi o preámbulo doutras series, tamén policiacas, que virían despois como Ferro ou Rapa.

"Por suposto que foi un preámbulo porque, ata daquela, o único tipo de ficción televisiva que se facía eran as comedias ou as dramedias. E nós aspirabamos a facer outro tipo de ficción, de intriga, detectivesca, policiaca e diso se trataba en As leis de Celavella", explica Pepe Coira.

Pero, ademais, o guionista de Rábade decidiu escoller, para a Semana de Cine, xustamente o último episodio de As leis de Celavella. E iso foi por outro motivo: por sacar o tema da emigración en Galicia.

"Escollín este episodio porque nel fálase dun fenómeno pouco coñecido no cine como é o da emigración. Realmente, sobre este tema, só se fixeron dous tipos de películas: as que se rodaban en América para ensinar aos galegos o modo de vida que tiñan os emigrantes alí e, viceversa, tamén se facía cine en España para ser visto polas comunidades de emigrantes no estranxeiro", comenta o guionista de Lugo.

Cada episodio de As leis de Celavella é como unha pequena película en si mesma. Os protagonistas son Pablo Veiga, un avogado metido a detective, e a súa secretaria Matilde. Ambos resolven os truculentos casos que suceden en Celavella mentres se debaten entre os principios morais da época e os sentimentos que os empuxan a dar un paso máis aló na súa relación.

As leis de Celavella é unha serie de suspense e acción que combina tramas xudiciais e costumistas a través das cales se fai un retrato social de principios de século en Galicia.

A serie está protagonizada por Manolo Cortés, Salvador do Río, Nuncy Valcárcel, Marcos Viéitez, Camila Bossa, Eva Fernández, Avelino González, Fernando Morán, Antonio Mourelos, Rodrigo Roel e Ana Santos.

SÁBADO 23
13.00 horas. Paseo de Cine  Descubrimento de dúas novas placas, os números 9 e 10. Trátase da placa de Eduardo Fajardo, homenaxeado en 2010, que será descuberta por Manuel Muñoz, tenente de alcalde de Meis (Pontevedra), de onde Fajardo é Fillo Predilecto. E, por outra banda, a placa dos irmáns Coira, que será descuberta por Pepe e Jorge, logo dunhas palabras de Remedios González, alcaldesa de Rábade, a súa terra natal. Pechará o acto a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro. No parque da Milagrosa (antiga Frigsa).
17.00 horas. As Curtas Tamén Son Cine. Nin a sol nin a sombra, A túa tesoira na miña orella, Twerking, Txotxongiloa, As visitantes, Nunca pensei, O crédito. O Vello Cárcere.
18.00 horas. Infantil. Oink oink. Auditorio.
19.00 horas. Cine Galego (Curtas). Ulises, Verbas e memoria. Miña tía Elena, Ágape, Portas. O Vello Cárcere.
20.30 horas.O Mellor do Ano. Eo. Polonia, 2022. Dirección: Jerzy Skolimowski. O mundo é un lugar misterioso visto a través dos ollos dun animal. No seu camiño, Eo, un burro gris de ollos melancólicos, atópase con boa xente e outra non tan boa. Auditorio.
22.30 horas. Curtametraxes Sección Oficial. Calxophobia. Alemaña, 2022. Dirección: Dave Lojek. Helen sofre un raro medo á arxila branca. Un día sentese invadida por varias figuras de arxila branca en Helsinqui e decide enfrontarse a ese medo. No museo Amos Rex, descobre as obras de Keith Haring e adapta o seu estilo á súa necesidade de porse a proba. Auditorio.
22.30 horas. Sección Oficial. Cando a laverca canta. Austria, 2023. Dirixida por Ana Bilic. Conta a historia dun home de 45 anos que, logo da súa despedida de solteiro, espértase no medio do bosque e, no seu deambular, atópase cunha moza que ten problemas de memoria. Auditorio Gustavo Freire.

Comentarios