Carlangas: "As etiquetas son para os supermercados"

O grupo galego prepara un novo disco. Mentres, quentan motores co seu sinxelo adicado á alma das festas da terra, 'Verbena'

Carlos Pereiro 'Carlangas'. NIETE
photo_camera Carlos Pereiro 'Carlangas'. NIETE

Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas (1987, Monterroso), é o cantante e un dos guitarristas de ‘Novedades Carminha’, un grupo que non quere etiquetas pero que enche festivais e salas de concertos de música irreverente.

Por que o seu grupo leva o nome dunha tenda de bragas de Compostela?
Hai dez anos estabamos paseando por Santiago e foi un ‘flashazo’ que tivemos. Queriamos combinar a modernidade co vintage. Foi casual, pero ten que ver bastante coa banda porque tentamos ser fillos da nosa época, pero á vez tamén temos gusto pola música dos anos 70. A combinación é o resultado dos nosos discos.

Como vostede di, defínense como unha mestura de tradición e modernidade. Ademais do nome, que é o que teñen de tradicional?
​Precisamente que bebemos moito dos discos antigos que nos gustan, xa dende o primeiro momento. Ao principio estabamos máis no punk inglés dos 70, e agora hai unha deriva cara a música funky ou disco, pero aínda que teñamos referencias tentamos imprimirlle un punto de contemporaneidade a todo o que facemos, tanto nas letras como no son da música.

O último sinxelo que sacaron chámase Verbena. Que significan as verbenas para vostedes?
É o lugar onde ligas as primeiras veces, onde te emborrachas por primeira vez, onde coñeces un montón de cancións... É un punto de reunión social en Galicia, e que a nós nos marcou moito, digamos que é a nosa escola. Polo tanto, creo que era máis que merecido adicarlle unha canción. Nela descompuxemos o que eran as verbenas para nós, que son ritmos bailables con letras románticas, e fixemos o mesmo, pero empregando outros ingredientes como os ritmos disco ou funky e unha letra máis contemporánea.

Nos nosos concertos a xente vai atopar suor, baile e desenfreo, porque ten que ser a melor noite da súa vida

Cambiarían os festivais polas verbenas?
As verbenas están moi ben para desfrutar pero nós non os cambiaríamos. Estaría ben tocar nunha, pero non hai que cambiar nada por nada. Poden coexistir perfectamente.

Cando teñen pensado lanzar o próximo disco?
Estamos niso, facendo as maquetas do próximo disco. Nuns meses está na rúa.

Que é o que se coce neste novo proxecto? 
Con ‘Campeones del mundo’, que é o noso disco anterior, abrimos o espectro e agora temos moitas máis posibilidades. É un pouco o 3.0 de ‘Campeones del mundo’. Estamos tirando de todo o que avanzamos no disco anterior, que ademais funcionou moi ben. Para nós, dános a posibilidade de facer un directo máis divertido e completo, o que se pode ver en cancións como Verbena ou Te quiero igual, que seguramente forme parte dese disco.

Como definiría a súa música?
Sempre digo que somos unha banda de punk porque facemos o que nos dá a gana cando nos dá a gana. O punk non só te que ser un son, ten que ser unha actitude, e eu penso que a nosa actitude é a mesma que hai dez anos cando sonabamos moito máis duro. Creo que as etiquetas están para os supermercados máis que para catalogar ás bandas de música, e nós facemos o que nos emociona no momento no que estamos facendo as cancións. É a única maneira de que a xente se poida emocionar con nós, e a clave de que nos estea indo ben e teñamos moito público en España, México... está en que se produciu unha conexión enorme co público.

De onde saen as ideas para as letras das cancións?
Facémolas sobre os temas que falamos nas rúas ou nos bares entre nós. Ao final somos catro colegas de Santiago que comezamos un proxecto cando tiñamos 19 anos. Creo que hai un fío condutor dende ese momento ata agora, e aínda que avanzamos e maduramos seguimos a falar do que nos ocorre. Intentamos facer un retrato do que nos rodea.

Gústalles moito innovar, non só coa música senón con outras cousas, como os videoclips. Teñen algunha nova idea para o lanzamento do novo disco?
Si, temos un montón de ideas. A partir deste mes vai haber moita música de ‘Novedades Carminha’, e non só música. Somos un proxecto artístico, non só nos quedamos nas cancións. Intentamos que os directos, os videoclips, as portadas dos discos ou as accións que poidamos facer tamén sexan parte da nosa proposta artística.

Este mes van tocar no Caudal Fest de Lugo. Que pode esperar a xente do seu concerto?
Para nós os directos son como a expresión primaria de todo o que facemos. O rock and roll é música para divertirse, para tomar cervexas, para desconectar. Vivimos nunha época bastante jodida e somos ese respiro que fai falta para cargar as pilas. Cando alguén veña a vernos vai atopar suor, baile e desenfreo, porquen ten que ser a mellor noite da súa vida.

Comentarios