As cancións do Proxecto Lorca están dispoñibles en redes

Maite Ferreiro di que se trata de seis pezas creadas sobre o poemario 'Seis poemas galegos' do soado escritor granadino
Maite Ferreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Maite Ferreiro. VITORIA RODRÍGUEZ

A vicepresidenta da Deputación e concelleira de cultura Maite Ferreiro anunciou que xa están dispoñibles para a súa escoita as cancións creadas ao amparo do Proxecto Lorca, unha iniciativa impulsada pola área de cultura do organismo provincial e a área de cultura da USC no campus de Lugo.

Trátase de pezas compostas sobre o poemario Seis poemas galegos de Federico García Lorca por músicos e grupos lucenses.

Abrigueiro Estudo encargouse da gravación e produción dos temas, que se estrearon o pasado mes de decembro nun concerto na Casa do Saber e que desde o luns están dispoñibles na canle da Youtube de vicepresidencia tamén en Spotify.

Maite Ferreiro explicou que con esta gravación e difusión dos poemas musicados amplíase o percorrido de Proxecto Lorca, unha programación organizada en recordo da primeira visita realizada por García Lorca a Galicia, "e poñemos en valor o traballo de creadores lucenses que asumiron o reto de poñer música por primeira vez a cinco das seis composicións do poemario en galego do autor granadino".

Noelia Geada e David Taboada musicaron Cantiga do neno da tenda; o grupo Nebra puxo música a Danza da lúa en Santiago, a banda indie Infrarroja, a Romaxe da Nosa Señora da Barca; os músicos Quique Muruáis e Luís Monsalve compuxeron sobre Noiturnio do adoescente morto; mentres que o dúo Condensadores de Fluzo acompañaron os versos de Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta.

BANDA MUNICIPAL. O goberno local atrasou a data do terceiro exercicio da segunda proba do proceso selectivo da dirección da banda municipal, prevista para este sábado, debido ás restricións sanitarias.

O tribunal do proceso de selección acordou tomar esta medida en vista do informe de Prevención, que desaconsella a celebración da proba. Unha vez actualícense as restricións, escollerase unha nova data, que será publicada o máis axiña posible.

Comentarios