"O cadro estaba retirado desde os danos do furacán Hortensia"

Blanca Besteiro explicou a restauración de 'Cabeza de apóstolo' cedido polo Prado a Lugo
undefined

O Museo Provincial de Lugo resucitou un apóstolo. Non se sabe cal. É un home delgado, de barba revolta e gris, de ollos verdes que miran ao Ceo con esperanza de verse libres da resignación. O santo ocupa un cadro pequeno, que foi pintado no século XVII. O artista non foi Guido Reni, o boloñés que aos 20 anos foi fichado polo obradoiro rival ao seu. A cartela do museo indica que puido ser feito por discípulos de Reni.

Tamén destaca que é un depósito do Museo do Prado. A cesión é longa. Chegou en 1940 a Lugo. Blanca Besteiro ocupouse de devolver as colores ao lenzo, e, en certo modo, a vitalidade ao apóstolo. A restauradora explica que "estaba retirado desde os danos causados polo furacán Hortensia", no edificio, en 1984. "Hai uns anos decidiuse facer un proxecto de intervención", para o que se puxeron en contacto co museo madrileño, o propietario.

"Esixiron usar vernices naturais, nada sintético, e que un restaurador supervisase o proceso», recorda Blanca Besteiro, quen engade que a peza fóra «forrada, repintada e limpada de modo agresivo antes de 1940". Engade que «a pintura estaba levantada e tiña o marco roto».

A restauradora houbo de desandar ese camiño para achegar a obra novamente a ese tempo do século XVII en que foi pintada. O proceso viuse lentificado pola pandemia, co consecuente peche, e por cuestións persoais de Besteiro. A maiores, cada fase do proceso requería unha viaxe da experta do Pardo María Villarejo de Madrid a Lugo para que aprobase o realizado e indicase os seguintes pasos. Foron tres desprazamentos.

Cabeza de apóstolo está colgada agora na sala Sexta do Museo Provincial, entre outras pinturas e tallas de arte sacra. A directora do centro, Aurelia Balseiro, comenta que "para as obras en depósito temos que pedir permiso ao Museo do Prado se queremos expoñelas ou retiralas, mesmo para colgalas e descolgalas. É lóxico que se preocupen polo seu patrimonio".

Na obra pode verse unha cartela co número 223, que "pode corresponder cunha catalogación antiga" da entidade con sede en Madrid. O marco ten unhas pegatinas con outros números adheridas á pintura dourada. Parecen timbres oficiais. "Se os levantamos para repintar temos que pegalos de novo porque é historia do cadro", advierte a directora.

Comentarios