Buscan localizacións en Galicia para a rodaxe de 'Academia de mulleres'

Manane Rodríguez dirixirá a adaptación ao cine da novela autobiográfica da xornalista Silvia Pérez Trejo

Manane Rodríguez. YOUTUBE (CINEMAGAVIA)
photo_camera Manane Rodríguez. YOUTUBE (CINEMAGAVIA)

Manane Rodríguez, directora de cine fincada na Coruña, busca localizacións en Galicia para a rodaxe de Academia de Mulleres, a novela autobiográfica da xornalista e feminista Silvia Pérez Trejo.

A produtora galega Xamalú Filmes, informa un comunicado de prensa, participa nesta serie que conta coa guionista galega Alicia Freire Beira para a adaptación a guión da obra literaria.

Manane Rodríguez, Alicia Freire Beira e Silvia Pérez Trejo reuníronse este fin de semana na Coruña para pór en marcha esta iniciativa televisiva e dixital de marcado acento feminista, sinala a nota.

Cun equipo técnico formado exclusivamente por mulleres, Manane Rodríguez enfróntase a un novo reto, a dirección dunha serie baseada na adaptación da novela autobiográfica Academia de mulleres (Imaxine Edicións, 2018) que se converteu, en apenas pouco máis dun mes, nun dos libros máis vendidos no seu xénero en Amazon España.

A directora, de orixe uruguaia, logo de cultivar un importante éxito e de ser candidata por Uruguai aos Premios Óscar coa súa última longametraxe Migas de pan (rodada en 2016), comeza unha nova andaina neste sector en pleno auxe, o das series para as plataformas dixitais de televisión.

Os capítulos piloto rodaranse integramente en Galicia e espérase a resposta da actriz que a protagonizará, avanzaron, "recoñecida polo seu papel destacado noutras series recentemente estreadas".

Alicia Freire Vera leva máis de vinte anos no sector audiovisual nacional e autonómico, con obras exhibidas especialmente en TVG, Antena 3 ou Canle Plus.

Comentarios