A burelá Laura R. Cuba gaña o Victoriano Taibo de poesía con 'A situación actual'

A poeta de Burela Laura Ramos Cuba vén de gañar a undécima edición do premio Victoriano Taibo, que convocan o Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns, grazas ao seu poemario A situación actual.

O xurado valorou que se trata "dunha obra absolutamente contemporánea na que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional". Destaca a capacidade "de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo". O xurado tamén salientou "a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo".

Laura Ramos Cuba é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo "ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima".

Comentarios