miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Brath publica un disco que vincula as dúas beiras celtas do Atlántico

Eloi Caldeiro fala na cafetería do parque de Rosalía en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Eloi Caldeiro fala na cafetería do parque de Rosalía en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Eloi Caldeiro explica que as dez cancións do álbum, ‘Gran Atlante’, xiran ao redor das viaxes musicais que fixo "por mar a cultura céltiga"

Eloi Caldeiro colle un papel e traza cun bolígrafo as liñas delgadas dun croquis. Debuxa as costas de Norteamérica, Bretaña, Galicia e Canarias. Une as catro cun círculo. "Este círculo é Gran Atlante", conclúe para explicar o título do novo ábum de Brath. "É a cultura céltiga que foi polo mar entre Galicia e Irlanda, a Inglaterra,os bretóns que foron a Quebec, os irlandeses que foron a Estados Unidos. Este é un disco sobre as conexións atlánticas da música". No dedo gordo da man dereita leva un círculo, un anel prateado. Comprouno nas Canarias, "onde se di que estaba a Atlántida". O álbum ten dez cancións, unha delas dedicada ás illas, Xalundes. "É a nostalxia", confesa.

Brath gravou doce discos desde que empezou en 1980. O son continúa mesturando a música tradicional galega e o rock progresivo. "Xa o faciamos nun grupo anterior, que era Tebras; formáramolo en Sarria. Daquela os rapaces escoitaban aos Rolling Stones e nós  fixemos música para xente nova e en galego. A nosa idiosincrasia eran guitarras e gaitas". "Tocabamos moito en Madrid", lembra.

Rematado o bacherelato, Eloi Caldeiro quería estudar para ser director de cine. "Tiven unha discusión forte co meu pai. El era músico. Dicíame: "Pero quen che vai comprar unha película? Estuda dirección de orquestra en Madrid, pero non cine". Así que estiven un ano sen facer nada na casa".

Acabou nun cuartel de San Sebastián, marcado por unha ficha coa súa fotografía e dous calificativos: 'Rojo, separatista'

O pai buscoulle un sitio para facer o servizo militar en Garabolos, ao norte de Lugo. "Eu díxenlle que non era español, que non iría de voluntario. É que eran 22 meses fronte aos 13 que duraba a normal". Acabou nun cuartel de San Sebastián, marcado por unha ficha coa súa fotografía e dous calificativos: Rojo, separatista. "Tiven sorte porque coñecín un galego que me conseguiu un pase de pernocta", indica. As consecuencias foron que alugou un piso na vila de Astigarraga e que coñeceu o folk vasco dos anos 70 en persoa: Oskorri, Itoiz, Mikel Laboa,... "Os vascos falan cada vez máis o seu idioma. Pon ti aos galegos a aprender un idioma que non se pareza ao latín! Hai outra conciencia". Sobre esa "necesidade de falar máis galego" trata a canción Nós, en galego.

Hai anos, saíndo da casa en Sarria topou cuns amigos que teñen unha sidrería en Astigarraga. Foi casual os vascos non sabían que vivía na vila. "Estaban comprando mazás pola zona porque venden moitísima sidra".

O viño non falta en Gran Atlante. "Ata os anos 70 os labregos raballaron con moitas das ferramentas que os romanos trouxeran dous mil anos antes á nosa terra", expón na presentación de Socalcos, protagonizado pola viticultura da Ribeira Sacra.

"Fomos o grupo que máis veces tocou no San Froilán, unhas vinte veces"


Ao quitar o uniforme verde rematou Maxisterio e cofundou Brath. No 1982 gravan un disco coa multinacional Philips. "Pretendía presentalo no Hostal dos Reis Católicos con todas as autoridades. Meteran moita pasta. Nós eramos tres revolucionarios e dixemos que non, que en Sarria. Despois, cando tiven unha discográfica, entendín aos de Philips".

Esa negativa limitounos xeograficamente. Talvez gañaron en intensidade de concertos na súa terra. "Fomos o grupo que máis veces tocou no San Froilán, unhas vinte veces". As festas teñen o seu lugar no disco, Feira do San Froilán.  O tema no que se basea é unha canción inglesa do século XII na que se describe unha apócema de namorar que se elabora con carto herbas. Eloi empezou a visitar o San Froilán con 17 anos, pero non namorou daquela. "Non, oh! Casei con 40 anos", sinala cunha leve nostalxia nos ollos.
 

Iberian Roots
O concepto do disco trasládase ao colectivo Iberian Roots, do que participa Brath xunto os vascos Korrontzi, os cataláns Ros, o cántabro Manuel Luna e o canario Miguel Afonso.
Os grupos de Iberian Roots actuarán en Sarria entre os días 23 e o 25 de xullo.

Brath publica un disco que vincula as dúas beiras celtas do Atlántico
comentarios